A Deputación adxudica o contrato que permitirá a limpeza e desbroce da provincial Nigrán - Vincios

Imprimir
vilaza

O desbroce e limpeza de cunetas e marxes da estrada provincial PE 2102 (Nigrán-Vincios) finalmente poderá concretarse. A deputación de Pontevedra acaba de adxudicar á empresa Covsa o contrato para a realización dos desbroces desta e parte do resto das vías de titularidade provincial. Covsa deberá así facerse cargo do mantemento dos próximo a 10 quilómetros desta carreteira que uñe as parroquias de Vincios, Vilaza, Parada, Camos e Nigrán.

Os traballos de Covsa consistirán no desbroce e limpeza de cunetas e marxes do viario con medios mecánicos (motoniveladora), retirando pequenas plantas, maleza e broza ata unha profundidade non menor que o espesor da capa de terra vexetal (25 cm). Posteriormente a empresa tamén se encargará da retirada do produto resultante a un vertedoiro autorizado.

Segundo explicou o vicepresidente provincial, César Mosquera, a adxudicación levaba acumulado un pequeno retraso, polo que agardou que agora que xa está a tramitación feita, "recuperemos o ritmo" e se fagan rápido os traballos necesarios para deixar os viais en perfecto estado, se ben o prazo de execución é de seis meses. "Agardamos que a empresa comece canto antes", sinalou.

O custo do contrato para as arcas provinciais foi de 610.000 euros, "uns 110.000 euros por debaixo do orzamento inicial da licitación", sinalan dende a corporación .

O contrato está dividido en tres lotes (por pouco máis de 203.000 euros cada un) para o norte, o centro e o sur da provincia.