Domingo, 20 Oct. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor Bota andar no Val Miñor “Pola Unión”, manifesto a prol dunha candidatura unitaria galega ás xerais.

Bota andar no Val Miñor “Pola Unión”, manifesto a prol dunha candidatura unitaria galega ás xerais.

Correo-e Imprimir PDF
mani patria

Os asinantes de Pola Unión fan unha chamada ao acordo das formacións políticas nacionalistas, galeguistas e de esquerda do país de cara ás eleccións xerais. Logo do documento que impulsou a manifestación unitaria do pasado 25X, do chamamento á Marea Galega ou da petición que chegou da mocidade activista, desta vez varios escritores, artistas, activistas ou economistas galegos, moitos deles residentes en Baiona, Gondomar e Nigrán, insisten en apostar Pola Unión, tal e como se encabeza o documento, que emprega o título do poema de Curros Enríquez, o mesmo que se leu tras a mobilización do Día Nacional. O manifesto pode asinarse na web POLA UNION

"Na unión dos bos galegos está da patria o porvir!", adianta o escrito "en prol dunha candidatura galega de unidade nas eleccións xerais". Uxía Senlle, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Murado, Lois Diéguez, Xabier Paz, Miguel Anxo Fernán Vello, Marica Campo, Quico Cadaval, Joám Lópes Facal, Víctor F. Freixanes ou Vítor Vaqueiro, entre outros, asinan este manifesto que ve "inadiábel" para o país "a consecución dunha Candidatura Unitaria Galega encamiñada a obtermos un grupo parlamentar que, con personalidade xurídica propia, reivindique para a nosa Terra con decisión e sen inxerencias alleas, o dereito a decidir todas as cuestións que atinxan o seu futuro e que defenda a lingua e a identidade dun pobo que hai case un milenio xerou unha literatura e unha cultura que asombrou Europa".

As vindeiras eleccións xerais do mes de decembro e a nova configuración das Cortes traerán consigo unha "posíbel mudanza constitucional" e celebraranse "nunha situación marcada por unha das máis profundas crises que atravesaron Europa despois da II Guerra Mundial". Segundo o manifesto, no Estado esta crise ten características de seu, como a que ten que ver coa "corrupción que percorre institucións públicas e privadas", así como outra "de esixencia democrática, fornecida polos movementos soberanistas, nomeadamente os de Cataluña e Euskadi".

Ante esta situación, os asinantes apostan pola unidade que facilite a creación dun "Grupo Parlamentar Galego" no Congreso dos Deputados que "traballe sen acougo na defensa da economía e os recursos produtivos dunha nación que, cando non se pon freo ás súas capacidades, chega ás máis altas cotas". E poñen como exemplo os mariñeiros que "pescan en mares de medio mundo", os atletas medallistas olímpicos ou os investigadores galegos "en universidades dos cinco continentes".

Segundo o documento, ese grupo parlamentario debe "perseguir que se garantan os servizos públicos nunha sociedade libre, igualitaria, xusta e democrática, capaz de se relacionar en pé de igualdade con mulleres e homes, pobos e nacións, culturas e tradicións de todo o planeta e respectuosa co medio ambiente". Ademais, pulan por esta representación propia "que evite o risco, real, de Galiza ficar atrás e que, en resumo, combata pola nosa dignidade colectiva e polo que ninguén ten pensado regalarnos", din, "tendo ben presente que, ao longo da Historia, a unidade foi, é e será a nosa forza, a nosa inmensa forza como pobo".

Entre os asinantes do manifesto está tamén Encarna Otero; o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; Adela Figueroa; Pilar Fernández ou Alba Cuba, triatleta e adestradora, que foi unha das persoas que leu o manifesto final da manifestación unitaria do 25 de Xullo na Quintana.
Coa colaboración de Praza Pública (AMEGA)