Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Rafael Louzán será xulgado en Cambados por presunto delito de suborno

Rafael Louzán será xulgado en Cambados por presunto delito de suborno

Correo-e Imprimir PDF
Rafael Louzan Imaxe PV

O Xulgado de Cambados fixará nas vindeiras semanas a data do xuizo ao presidente da Deputación de Pontevedra Rafael Louzán.

Os cargos refírense ao aluguer duns baixos comerciais en Vigo.

O concelleiro en Pazos de Borbén e deputado provincial polo Partido Popular Severino Reguera alugoulle a Louzán uns baixos en 2008. Segundo o fiscal de Delitos Económicos de Pontevedra Augusto Santaló, na citada operación advertiuse un sobreprezo con respeito aos baixos do entorno. O presidente da Deputación recibe 15 euros o metro cadrado, cando un informe da Garda Civil situa os prezos medios na zona naquela data en 7 euros o metro cadrado. Facendo caso ao citado informe, Louzán tería recibido nestes oito anos máis de 50.000 euros a maiores do aluguer, sen xustificar. En 2013 a Xunta de Galicia puxo en aluguer uns baixos na zona, ao prezo de 5 euros o metro cadrado.

O Xulgado Mixto número dous de Cambados acordou no pasado mes de febreiro incoar procedimento contra Rafael Louzán, desestimando a solicitude de arquivo, presentada polos imputados. Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, "o resultado das dilixencias de investigación realizadas permiten soster que os feitos investigados poderían dar lugar a un delito de suborno impropio no caso do deputado e un delito continuado de suborno no do presidente da Deputación e a súa dona". O fiscal abrira a investigación en novembro de 2013 despois de recibir unha comunicación anónima na que se denunciaban os presuntos sobreprezos dos locais situados na rúa Teixugueiras en Vigo.

Louzán desmentiu en varias ocasións a existencia de sobreprezo, alegando que a cantidade do aluguer foi marcada por unha xestoría.

---

Nota da Asociación de Medios en Galego