Unha brincadeira do Entroido de dubidoso valor etnográfico pode ficar por sempre na entrada á vila de Gondomar porque ao actual alcalde moitos usuarios do Facebook lle puxeron un "Me gusta" a unha foto dela. Pequeno exemplo da pegada das redes sociais nas decisións administrativas dos políticos miñoranos. A iso pode engadirse a frenética subida de fotografías, post e comentarios que dende o pasado mandato tivo no ex alcalde de Nigrán un exemplo destacado, facendo do Facebook a fiestra onde amosar día a día os logros, achegar opinións políticas ou dialogar con cidadáns. Corrente que agora parecen seguir con igual entusiasmo e dedicación algúns dos novos rexedores da bisbarra.
As redes como toda ferramenta con base na Internet xa ten anos de irrupción na política. Mais certos usos que delas se fan xeran dúbidas éticas e legais. Sobre todo cando os responsables políticos das administracións utilizan estes medios para substituír as canles formais de participación cidadá ou para agochar a omisión da montaxe das infraestruturas informativas cara á cidadanía coa que debe contar unha administración democrática baseada no Dereito Público.
Neste último aspecto, nin Gondomar ni Nigrán ten resolto a comunicación cos medios cara o achegamento formal de información das respectivas administracións. En xeral, a maioría do que se está a informar ao público é produto dunha especie de caza informativa nos perfís persoais de alcaldes e concelleiros de goberno. De responsables de comunicación institucional nada, salvo o caso de Baiona, que si o ten, inda que monolingüe en castelán.