Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Capturan ao suposto autor de máis dunha ducia de roubos en vehículos aparcados en Gondomar, Nigrán e contorna.

Capturan ao suposto autor de máis dunha ducia de roubos en vehículos aparcados en Gondomar, Nigrán e contorna.

Correo-e Imprimir PDF
robo1

Cun martelo especial para romper os cristais dos coches percorría rúas e camiños do Val Miñor e contorna na procura de efectos de valor en vehículos aparcados. Efectivos da Garda Civil do posto de Baiona estaban alertados da comisión de 12 delitos con este modus operandi dende o pasado mes de xaneiro. O pasado martes 26 de maio puideron identificar ao suposto autor na cidade de Vigo onde foi detido coa "ferramenta do delito" nas mans.

Detalles

A Garda Civil detivo a JA.M.M., de 50 anos de idade e veciño de Vigo, como suposto autor de 12 delitos de roubos en interior de vehículos estacionados nas vías públicas dos municipios de Gondomar, Nigrán, Mos e Vigo.

Estes feitos delituosos foron realizados entre os meses de xaneiro e maio, cuxo modus operandi consistía na rotura do cristal do portelo do vehículo cun martelo rompe lúas para despois apoderarse dos obxectos de valor que houbese no interior do mesmo.

Captura
A raíz das denuncias presentadas na Garda Civil pola comisión destes ilícitos, a área de Investigación do Posto Principal de Baiona, iniciou as correspondentes pescudas para o esclarecemento dos mesmos, dando resultado positivo o pasado día 26 coa localización e detención en Vigo do suposto autor.

Conducido ás dependencias oficiais para a instrución das dilixencias impútaselle ademais outro delito contra a seguridade vial por condución dunha motocicleta da súa propiedade tendo retirado o permiso de condución por sentenza xudicial.

No interior do porta cascos da referida motocicleta intervéuselle varias tarxetas bancarias, documentacións persoais, lentes, diñeiro e un martelo rompe lúas, utilizado, supostamente, para a comisión dos roubos.

Prisión
O detido, que conta con antecedentes policiais, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo quen decretou o seu ingreso en prisión.

Continúanse as investigacións polo que non se descartan máis imputacións por delitos da mesma índole.