Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Boicot á reválida e concentración da comunidade educativa na Ponte da Ramallosa. #Baiona #Gondomar #Nigrán

Boicot á reválida e concentración da comunidade educativa na Ponte da Ramallosa. #Baiona #Gondomar #Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
ceip-vilarinho

O boicot á reválida para escolares do 3º do ensino primario deu a nota nesta xornada en varios colexios da bisbarra. O absentismo escolar reportado até de agora marca a presenza de 1 estudante de 16 no colexio de Mallón, 3 de 30 en Vilariño e 10 de 50 escolares que tiñan que pasar pola avaliación no colexio público Humberto Juanes. O impacto deste boicot impulsado polos pais e nais das ANPAs e co apoio de boa parte da comunidade escolar, tamén arroxa 9 escolares de 22 en Peitieiros  e 13 de 21 en Vincios(Gondomar) que concorreron a facer a proba.


Todas estas cifras achegadas dende as Anpas e membros da comunidade educativa coa que VM.info mantivo comunicación minutos antes do inicio dunha concentración simbólica que se leva adiante na Ponte da Ramallosa. Protesta convocada pola Federación de ANPAs do Val Miñor.

Galicia

Máis do 40% do alumnado auséntase para non realizar as probas de reválida en toda a autonomía, sinalan dende a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Colectivo que concentrouse esta mañá diante da consellaría de Educación -coincidindo co inicio das probas de reválida de terceiro de Primaria que terán lugar hoxe e mañá nos centros educativos-, para manifestar o seu "máis rotundo rexeitamento" ao que definiron como unha "aberración", do punto de vista pedagóxico, un malgasto económico, unha desautorización do profesorado e un tensionamento innecesario do alumnado. Unhas probas que tamén están sendo rexeitadas polas familias que, segundo os datos da CIG-Ensino, non enviaron aos centros a máis do 40% do alumnado.
As probas serven "exclusivamente para avaliar estándares que só miden o ámbito lingüístico e matemático, cando a formación integral das persoas é moito máis" e que "poñen en tea de xuízo, desvalorizan e desestiman o propio profesorado", manifestou Anxo Louzao, do CIG-Ensino.
Fronte a iso defendeu a avaliación continua, fundamentada no coñecemento do profesorado, non só do rendemento escolar do alumnado, senón tamén dos contextos socioeconómicos en que se dá esa aprendizaxe. "Hai que avalialo todo, ninguén mellor que o propio equipo docente que imparte as clases", afirmou.
Denunciou ademais que se vulnera a liberdade de cátedra e supón unha "desautorización" do profesorado, que verá condicionado o seu traballo docente, na medida en que se vai ver obrigado a conseguir unicamente que o seu alumnado supere a reválida porque do contrario será un fracaso do punto de vista académico e do punto de vista laboral".
Para a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público estas reválidas supoñen tamén introducir no ensino unha visión profundamente neoliberal e competitiva á marxe doutros aspectos que Anxo Louzao considerou importantísimos, "como a visión centralista, na medida en que estas avaliacións e reválidas van estar fixadas en Madrid, sen considerar todo aquilo que nos conforma como pobo galego".
A este respecto denunciou a uniformización do sistema educativo que pretenden "xa que son probas que se basean en estándares que veñen fixados desde fóra" e alertou ademais de que os resultados van provocar unha clasificación dos centros como de primeira, de segunda e de terceira o que logo condicionará, á súa vez, os recursos e os medios con que conten.
Louzao valorou esta concentración como "unha loita máis que desde a PGDEP estamos levando en contra da LOMCE" e subliñou que a plataforma esixe, non só que non se realicen as reválidas, senón que a LOMCE non se leve a cabo. "Hai que derrogala porque é unha lei que nace morta".
A este respecto manifestou a súa preocupación pola "vasalaxe" da consellaría de Educación, "a Xénova e ao PP", no canto de velar polos intereses do ensino galego e de defender o ensino público, sen facer uso das cativas competencias que ten".
Entrega no rexistro
Ao remate da concentración unha representación da PGDEP fixo entrega no rexistro da Xunta dun escrito dirixido ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que sintetiza a valoración que a plataforma fai destas probas