Dende este venres 13 de marzo até o vindeiro mércores 18 a plataforma Manifesto Miñor recibirá candidaturas persoais dentro do proceso interno de eleccións primarias cara ás municipais de maio. Convocatoria que está aberta "a toda a cidadanía do Val Miñor", segundo comunicado emitido este xoves pola noite.
No escrito sinalan que as persoas interesadas en se presentar poderán facelo para encabezar a lista, para completar o resto da lista ou para ambas as dúas opcións, especificando o concello ao que se queren presentar ou se o queren facer á Entidade Local Menor de Morgadáns.
Indican que o proceso rexerase polo Regulamento de Primarias e o Código Ético aprobados na III Asemblea do Manifesto Miñor. O prazo de inscrición rematará o mércores 18 vindeiro ás 20.30 horas.
Os formularios para inscribirse nas internas están dispoñibles na páxina web do Manifesto Miñor. Ou presencialmente, os días 14 e 18 deste mes, das 19.00 ás 20.30 horas na Rúa Párroco José Otero, 9 baixo (Gondomar), en Baiona: naRúa Santa Liberata, 6 baixo e no Café O Cafeciño, Damas Apostólicas, 19 A Ramallosa.
Proceso e calendario
A proclamación definitiva das persoas candidatas realizarase (logo do prazo de presentación de reclamacións, durante os días 19 e 20), o sábado 23 nun acto público onde se presentarán as persoas candidatas as listas.
As persoas candidatas poderán desenvolver a súa Campaña Electoral ata o día 27 de marzo, para pasar logo ás votacións telemáticas, que terán lugar o sábado 28, e ás presenciais, o domingo 29.