Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Manifesto Miñor constitúese como partido instrumental: “Aquí todo o mundo ten cabida”.

O Manifesto Miñor constitúese como partido instrumental: “Aquí todo o mundo ten cabida”.

Correo-e Imprimir PDF
mani minhor

O Manifesto Miñor constitúese como partido e presentará candidaturas en Baiona, Gondomar e Nigrán.Así foi anunciado este mediodía en rolda de prensa celebrada na antiga estación do tranvía da Ramallosa. As mozas Eva del Valle (Baiona), Iris Malvido (Gondomar) e mais Silvia Villar (Nigrán) son as asinantes oficiais do novo partido miñorano, que terá carácter “instrumental”, co xeito de permitir o acceso dos candidatos desta plataforma veciñal tanto ás corporacións municipais  como á deputación provincial.

Tres mulleres asinan a fundación do novo partido.

Explican que os membros do Manifesto optaron por un partido instrumental tras descartar as “agrupacións de electores”, modelo que entenden tiña efectos negativos coma a súa disolución formal rematada a elección, o que cortaría toda ligazón da plataforma cos edís electos; así como polo seu carácter restritivo que impide o acceso á deputación provincial dos mesmos. A decisión foi votada en asemblea o pasado sábado e formalizada este venres coa inscrición da nova formación. “Foi fundado por tres mozas pertencentes os tres concellos, o cal vai na liña do que defendemos, e é unha chamada á participación tantos das mulleres como da mocidade”, salientaron na rolda de prensa.

Cooperativismo, consellos parroquias e pulo da mancomunidade

O novo partido tamén aprobou un decálogo que orientará a actuación política de asembleas e militantes.  Nese senso,destacan a creación de consellos parroquias como ámbitos de información, debate e toma de decisións por parte da veciñanza. “Recupérase a idea de mancomunidade, como xeito de mellorar a calidade e procurar unha maior eficiencia dos servizos. Así como a necesidade de fomentar o cooperativismo”, explican.

Engaden a necesidade de plans xerais que garantan a protección do patrimonio, tanto aquel natural, como o histórico, artístico e cultural. “Estas é outras cuestións que compoñen o decálogo, son unhas liñas xerais que permitirán o desenvolvemento de programas colaborativos específicos para cada concello. É dicir, programas que serán construídos entre todos e todas”, afirman.

“Aquí todo o mundo ten cabida”.

Na comunicación cos medios fíxose fincapé en que o Manifesto Miñor “está composto por persoas libres, independentes e autónomas. Aquí todo o mundo ten cabida, sempre que teñan ganas de traballar e queiran facer as cousas dun xeito diferente”.

Lembran que todas as reunións son abertas, “calquera pode achegarse a escoitar, debater, falar… Publicamos tanto os acordos, como as convocatorias a través da rede, por medio como Facebook ou Twitter, e enviamos correo de todo o que se vai facendo a tódolos asinantes e participantes”.