Profesores do Val Miñor instalarán aulas nas rúas para amosar as desfeitas dos recortes no Ensino.

Imprimir
mestres-marea-verde

Obradoiros de plástica, música, filosofía, xunto con actividades de expresión artística, contos e xogos matemáticos serán desenvolvidas en espazos públicos por mestras, profesores e membros das comunidade educativa dos centros de ensino do Val Miñor. Nucleados na Marea Verde en defensa do Ensino Público, vén de rematar o primeiro informe dun Observatorio da Educación, creado na bisbarra, no que salienta a diminución dos recursos humanos e materiais que denuncian están a prexudicar gravemente a atención educativa de cativos e mozos que acoden ás aulas en Baiona, Gondomar e Nigrán.

O devandito informe procesou un seguimento nos tres últimos cursos de centros de ensino de primaria e secundaria dos concellos miñoranos.  Nel atoparon unha tendencia á diminución dos cadros docentes fixos e a súa substitución por interinos e contratados con maior precariedade laboral e inferior dedicación horaria.

A maiores, o estudo arroxou un aumento preocupante de profesores obrigados a cubrir “materias afins”, para as que non están debidamente preparados. Exemplificaron cos casos de profesores de bioloxía obrigados a atender clases de matemáticas, ou de historia dando aulas de música, e así ducias de materias que non contan con docentes especializados nelas.

O informe sinala tamén  un claro deterioro na atención e apoio aos alumnos con necesidades especias. En 14 centros detectouse a presenza de alumnos con diagnósticos que requiren de reforzo educativo para diversas materias, e outros máis graves e para os que non se conta con persoal especializado.

A estes problemas se engaden deficiencias constatadas na xestión do persoal auxiliar,  mantemento das infraestruturas dos centros así como dos comedores escolares. Estes últimos rexidos por diversas administracións (locais e autonómicas), ou en moitos casos polos propios pais e nais agrupados nas ANPAS, sen unha política común para o servizo.

O informe será en breve publicado integramente en Internet para a súa consulta pública, adiantaron nunha rolda de prensa efectuada este xoves en Gondomar. Na mesma manifestaron os avances conseguidos pola Coordinadora de Profesores e Centros de Ensino de infantil, primaria e secundaria que está a funcionar dende hai tres anos na comarca. Salientan a posibilidade de manter reunións e postas en común das diversas realidades. Xeito que permite o abordaxe en común así como o mutuo apoio na procura de solucións.

O vindeiro sábado 13 de decembro ás 5 da tarde, desenvolverán a primeira Aula na Rúa no Centro Comercial Ramallosa. Ademais das actividades lúdicas e didácticas abertas a todo público, os docentes apoiados polo resto da comunidade educativa, informarán deste proceso e do obtido tralo estudo do Observatorio á veciñanza.