Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Rafael Louzán: "sinto indignación e vergoña" pola corrupción.

Rafael Louzán: "sinto indignación e vergoña" pola corrupción.

Correo-e Imprimir PDF
Pachi Lucas, o conseguidor dos cursos de formación na Operación Z nunha tourada en Pontevedra

Non entoou o “mea culpa” polo que fixeron os seus compañeiros do PP pero dixo sentir “indignación e vergoña” pola corrupción destapada na Operación Púnica.

Quen se sinte avergoñado é, nin máis, nin menos, que o presidente da Deputación e do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, que hai uns días pasaba polos xulgados para dar conta de irregularidades nas obras do estadio de Pasarón.

Non é a primeira visita que lle fai ao xuíz o presidente provincial de Pontevedra. Hai uns meses tivo que acudir coa súa muller para dar conta de irregularidades en Facenda a conta de varias propiedades. Tamén varios medios de comunicación teñen informado sobre os numerosos casos de “enchufismo” que existen no órgano provincial que preside.

Pero, a pesares destas cousiñas e doutras que se están investigando e que lle afectan a el, Louzán mira para fóra e di sentir “vergoña”. "Espero que se aclare todo de forma rápida e que non se volvan a repetir situacións semellantes nunca", dixo nun acto en Pontevedra.

“Este tipo de noticias provocan desafección e dúbidas na sociedade e os políticos honrados que non entenden o quefacer público como unha profesión", dixo sen aludir expresamente ao seu cargo de “honrado” político.

E, para dar exemplo, suliñou que hai que potenciar o traballo de fiscalización e control dos funcionarios, ser máis rigoroso na aplicación das normas e lograr a plena transparencia nas institucións públicas. “Onte –polo luns-- foi un día triste para todo a sociedade e para quen como min temos responsabilidades na vida pública", concluíu.

 

- Información do medio colaborador Galicia Confidencial