Xoves, 12 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor As obras dos novos centros de saúde de Nigrán, Gondomar e Oia, baixo sospeita na trama da operación Púnica.

As obras dos novos centros de saúde de Nigrán, Gondomar e Oia, baixo sospeita na trama da operación Púnica.

Correo-e Imprimir PDF
Acto de anuncio da licitacion das obras do novo centro saude Nigran | Imaxe Concello de Nigrán

A empresa Cofely España S.L., corazón da trama corrupta da "operación Púnica", é a adxudicataria das obras de construcción dos novos centros de saúde de Nigrán, Gondomar e Oia.

Segundo o grupo parlamentario, a Xunta levou a cabo adxudicacións á trama corrupta de Francisco Granados, ex número dous de Esperanza Aguirre en Madrid.

Así o ven de publicar o xornal PRAZA públíca, onde apunta a que a formación electoral AGE e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade pública atoparon vínculos galegos na denominada operación "Púnica" contra a corrupción.

Así o asegura o deputado Antón Sánchez, que explica que o SERGAS contratou en agosto de 2013 coa empresa Cofely España, "o corazón da rede de saqueo", por un importe de once millóns de euros.

"A corrupción, por máis que a propaganda de Núñez Feijóo afirme o contrario, é estrutural no Partido Popular", denuncian dende AGE, que aseguran que "a última trama enquistada nas arterias desa organización"destapada o pasado luns con detencións masivas de altos cargos en Madrid, "tamén ten ramificacións en Galicia". Así, advirte de que a Xunta de Núñez Feijóo adxudicou "un importante contrato" á empresa "corazón da rede corrupta" cuxa cabeza visíbel era o ex número dous do PP madrileño -Francisco Granados-, Cofely España, SL.

En concreto, e segundo explica o deputado de Alternativa Antón Sánchez, foron once millóns de euros consignados polo Sergas para “subministración enerxética prestacional e mantemento e conservación de edificios e instalacións de centros sanitarios, con inclusión de servizos de redacción de proxectos, dirección facultativa de obras e coordinación de seguridade e saúde (cofinanciado pola Unión Europea a través do programa operativo Feder Galicia 2007-2013)”O Diario Oficial de Galicia do 3 de setembro de 2013 recolle a adxudicación tras un concurso ao que se tería presentado tres empresas. Unha delas, segundo AGE, foi excluída (Altair Ingeniería y Aplicaciones, SA). Das outras dúas, Cofely e Ferroser, gañou o concurso a primeira, cun total de 40,40 puntos fronte aos 27,51 de Ferroser.

"Unha vez máis, vemos como o Partido Popular de Galicia atópase mergullado no mesmo centro dunha trama corrupta”, afirma Sánchez, “igual que xa aconteceu coa Gürtel. E mentres, Feijóo mira para outro lado e non responde. Talvez porque sabe demasiado”, insiste o deputado, que asegura que AGE rexistrará iniciativas parlamentarias para solicitar ao PP que explique na Cámara "cales son exactamente os seus vínculos coa última, seguramente non a derradeira, trama de corrupción adherida e confundida co seu partido".

Ademais, a a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) amosou tamén a súa "preocupación" de que a trama investigada "se estendese a Galicia e afecte á concesión do financiamento e construción" de varios centros de saúde no país. Segundo o colectivo, Cofely é a adxudicataria da ampliación do hospital do Salnés e da construción de 15 centros de saúde en Galicia (A Capela, Ares, Arteixo, Cambre, Culleredo, Malpica, Santiago, Barbadás, Pontevedra, Ourense cidade, Gondomar, Marín, Nigrán, Oia e Tui).

A asociación cre "necesario e urxente" abrir unha investigación "que aclare publicamente a limpeza e corrección destas adxudicacións, dado que os contratos públicos non poden realizarse con empresas sometidas a procesos xudiciais" e reiteran a súa "alarma" ante os "riscos de recorrer á colaboración privada para financiar a construción e xestión dos centros sanitarios públicos polo incremento de custos, o sometemento dos centros públicos ao intereses privados e polos riscos de corrupción".