Domingo, 6 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Como converter unha casa en ruínas do Val Miñor nun dos mellores proxectos da arquitectura galega.

Como converter unha casa en ruínas do Val Miñor nun dos mellores proxectos da arquitectura galega.

Correo-e Imprimir PDF
01

Non unha, senón dúas son as casas da bisbarra que foron obxecto de proxectos de rehabilitación cas converteron en exemplos salientables para o Colexio de Arquitectos de Galicia na provincia de Pontevedra. A Casa Aguirre, no casco vello de Baiona e a casa rural localizada a carón da igrexa parroquial de Chaín obtiveron o Premio Gran de Area 2014, entre máis de 60 inicialmente propostas ao xurado. O estudo madrileño de Gabriel Carrascal Aguirre e Sergio Martín Blas, é o responsable do proxecto baionés. O estudo de Antonio Soliño Troncoso, da rehabilitación e ampliación da finca rural de Chaín. Este arquitecto gondomareño acada así a cuarta premiación consecutiva, pois xa obtivera o mesmo galardón polos proxectos “Vivenda unifamiliar para un xoven músico e parella en Saíans” (2011), “Rehabilitación e ampliación de vivenda en Donas” (2012) e “Rehabilitación de vivenda en Saíans” (2013)

.Unhas “maltratadas ruínas” foron o punto de partida do proxecto en Chaín

A recuperación e posta en servizo dunhas maltratadas ruínas, emprazadas a carón da igrexa parroquial e interesante adro rural de Chaín, foi o punto de partida para o proxecto”, sinala Soliño no resumo da memoria do proxecto premiado. Salienta que a concepción, formalización e materialización deste traballo “quixo atender á correspondente contextualización no tempo”.

Afirma que o programa foi manexado por unha parella moza, titulares da casa rural. Micaela Sinde Stompel e Pedro Camacho Vázquez, cunha licenciatura en belas artes, de quen salienta a súa postura de “respecto polos valores etnográficos e paisaxísticos” da finca, aínda o seu estado antes da rehabilitación e ampliación.

Solucións baseadas no contexto do adro e a paisaxe de Chaín.

Advirte que eles foron os “desencadeantes “ da solución atopada. Primeiro a inclusión estrutura de madeira da cuberta “que acubilla a presenza diúrna da familia coma se dun bandullo de balea, de lembranza infantil, se tratase”. E segundo, a decisión de enterrar a planta baixa, “mudando a altura libre interior” e así evitar cambiar a silueta preexistente da construción.

Engade Soliño que “ademais, o aumento de volume bota man dunha relación cromática e material propia -a mesma que presentaba a igrexa ata que lle repicaron a revocadura- procurando non arrimarse mediante materia opaca á peza base; agás na herdada adición pétrea á que se lle muda a volumetría para, entre outros obxectivos, deixar en evidencia a súa condición de engadido”.

Ciclo de conferencias dos arquitectos premiados.

A carta edición do Premio Gran de Area, recoñeceu un total de 15 proxectos arquitectónicos da provincia situados nos concellos de  A Estrada, A Guarda, Gondomar, Vigo, Bueu, Silleda, Baiona, Forcarei e Mos. Todos os galardoados participarán nun ciclo de conferencias a desenvolverse nos meses de outubro e novembro.