Gondomar agasalla cunha despedida aos nenos saharauís. Baiona e Nigrán tiveron outra actitude.

Imprimir
despedida-gondomar-sharauis

O sábado 6 de setembro retornarán as súas casas no deserto do Sahara. E tras o reencontro emocionado coas súas familias, seguramente pasarán moitos días contando as súas andainas por este recuncho da Europa. Son trece nenos saharauís que grazas ao esforzo do Programa Vacacións en Paz conviven con familias acolledoras do Val Miñor durante os dous meses de verán máis duros no Sahara. Entre mentres, o Concello de Gondomar, que fornece con cartos o programa no Val Miñor, preparoulles unha merenda o pasado martes na que gozaron xunto coas súas familias na sala infantil da Biblioteca de Gondomar. As autoridades de Baiona e Nigrán tiveron outra actitude.

Nese encontro na Biblioteca estivo presente Fernando Guitián (PP), único alcalde do Val Miñor que arestora sostén unha  política de axudas para que os pequenos podan ter a oportunidade de vivir esta experiencia. Aspecto que salienta, Henrique Porto, portavoz da Asociación Solidariedade co Pobo Saharauí. Consultado por VM.info, Porto expresou a súa satisfacción por esta achega que cubre boa parte dos billetes dos 5 pequenos aloxados no municipio.

Nesta ocasión o traballo –que leva 20 anos- da asociación Solidariedade Galega có Pobo Saharauí permitiu que un  total de 13 crianzas, de entre 7 e 12 años, se beneficiaran  deste programa no Val Miñor. Deles,  6 se quedaron en Gondomar,  5 en Nigrán e 2 en Baiona.

Se os concellos de Nigrán e Baiona apoiaran o programa poderíamos traer a moitos máis”, sinala Porto. Agás os que chegan a Gondomar, o resto das pasaxes as ten que pagar con recursos da asociación e as familias acolledoras. “ De momento en Nigrán só lles dan unha recepción cun pequeno agasallo, e o alcalde de Baiona nin sequera nos recibe”.

Nese senso, comentou que todos os anos lle achegan solicitudes ao rexedor Jesús Vázquez Almuíña para que os reciba e poder explicarlle os beneficios que aporta Vacacións en Paz para nenos sometidos ás duras condicións dos campamentos no deserto. “Pero non quere saber nada do programa, nin sequera nos atende”, afirma.

Por ese motivo a Asociación debe traballar todo o ano vendendo rifas e facendo eventos que permitan reunir unha cantidade suficiente como para pagar os billetes de avión. Un convenio co SERGAS cobre os servizos sanitarios, e as familias acolledoras o resto. O aporte substancial que brinda o Concello de Gondomar permite cubrir boa parte dos custes da viaxe dos pequenos que residirán con familias deste municipio, sinala Porto.

O programa Vacacións en paz ten por obxectivo proporcionar aos cativos durante os dous meses de estancia en Galicia asistencia médica. Este ano por exemplo permitiu detectar unha afección cardíaca nunha das nenas e brindarlle unha asistencia ao respecto. “Faremos o imposible para que o ano que vén poda estar de novo aquí e manter o control médico”, sinala Henrique Porto. O convenio co SERGAS cobre a súa estancia en Galicia, pero a medicación para o resto do ano deberán achegarlla as familias acolledoras pois nos campamentos do Sahara as infraestruturas sanitarias son mínimas e case inexistentes, puntualiza Porto.

Mentres os rapaces disfrutan dos últimos días no Val Miñor, ás familias tócalles abordar os días máis difíciles. A despedida nunca deixa de ser un momento triste, só compensado polos momentos vividos nestes 60 días de convivencia. Así, os pequenos visitantes partirán con maletas repletas de medicinas, alimentos e outros enceres que no campamento escasean ou directamente non hai maneira de conseguir e que as súas familias miñoranas lles proverán dentro das súas posibilidades.