Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O Val Miñor berrou co resto de Galicia dende as rúas a prol dunha nova República.

O Val Miñor berrou co resto de Galicia dende as rúas a prol dunha nova República.

Correo-e Imprimir PDF
ramallosa-3
republica-ramallosa-2
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

Milleiros de cidadáns en Vigo e máis dun centenar na Ramallosa  centraron as mobilizacións en  reclamo dunha nova República que motivaron a participación dos miñoranos. A partir das 20 horas deste venres e tras unha rápida convocatoria espallada nas redes, xuntáronse na contorna da Ramallosa, punto simbólico de encontro dos tres concellos do Val Miñor. Por outra banda, outro continxente de veciños da bisbarra decidiuse por formar parte das concentracións da cidade olívica.

Val Miñor

A concentración tivo lugar na contorna do Cruceiro de San Campio onde tras algunhas intervencións en reclamo dun referendum para decidir unha nova constitución do Estado alternativa á monarquía, formáronse en columnas que marcharon polas rúas da Ramallosa.

Vigo

A manifestación máis numerosa foi a de Vigo, con máis de 5.000 persoas que encheron toda a rúa Príncipe, baixo os berros de "Non hai dous sen tres, República outra vez", "Felipe, dimite, o pobo non te admite", "O pobo unido, xamais será vencido" e "Avante sen tregua, República Galega"

Galicia

Foi unha chamada convocada a última hora e espallada masivamente polas redes sociais. E, finalmente, milleiros de galegos acudiron ás distintas prazas e rúas das principais cidades e vilas galegas para reclamar unha nova República e a celebración dun referendo sobre a continuidade da monarquía, tras a abdicación este luns do xa ex monarca Juan Carlos.

 E aínda que houbo diferenzas nalgunhas marchas sobre a necesidade dunha Segunda República Galega ou unha Terceira República Española, o certo é que os manifestantes coincidiron na necesidade de que se poña fin a actual dinastía dos Borbón.

Santiago

En Santiago foron varios milleiros os que se concentraron en Cervantes e marcharon polas rúas da cidade ata a Praza do Toural.  "Fóra, fóra, a Coroa española", "Galiza mañá, República Será", "Que queiran, que non, Galiza é unha nazón", "Si, si queremos decidir, e si ao referendo" e mesmo "Eo, eo, eo, imos ao Concello" a tenor da inhabilitación para cargo público que afecta a sete edís do grupo de goberno, do PP, condenados por prevaricación foron os berros que máis se escoitaron.

Coruña, Lugo, Pontevedra, Ferrol e Ourense

Na Coruña foi outro milleiro o que se concentrou ante a Delegación do Goberno en Galicia e se dirixiron á praza de María Pita e en Pontevedra, centos as persoas que se congregaron tamén na Praza da Peregrina, na Praza Maior de Lugo e no centro de Ourense e Ferrol.

 Nas concentracións participaron todas as formacións de esquerda, nacionalistas e sindicatos, excepto, o PSdeG e UXT. De feito, nalgunhas cidades,como en Pontevedra houbo unha clara diferenciación entre as persoas convocadas por AGE, Esquerda Unida, Podemos, Xuventudes Socialistas, Espazo Ecosocialista e CCOO fronte as que foran convocadas polo BNG e CIG.

 De feito, houbo certas diferenzas nesta concentración cando un home e unha muller subiron á fonte da Peregrina e despregaron unha pancarta de Podemos. Un vello repubicano berrou “liberdade, igualdade, fraternidade". O sector nacionalista do BNG replicou  con cánticos pola "república galega".

En colaboración co xornal Galicia Confidencial