Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor José Luis Outes (AGE): “Se o vindeiro 25 de maio non imos votar, outros o farán por nós”

José Luis Outes (AGE): “Se o vindeiro 25 de maio non imos votar, outros o farán por nós”

Correo-e Imprimir PDF
jose-luis-outes

José Luis Outes (Vigo 1943, xubilado), catedrático de Teoría económica da Universidade de Vigo, é un dos referentes fundamentais dos estudos económicos en Galicia sobre Banca Pública e Dinámica económica. Foi un dos economistas de Esquerda Unida activos nos anos 90 contra o acordo de Maastrich e as políticas económicas do BCE. Candidato nas municipais de 2011 por Esquerda Unida de Nigrán, acadou o 34,70% nas votacións desenvolvidas en toda Galicia para presentar á federal de IU de cara ás eleccións europeas. No momento do sprint final da campaña do 25M, VM.info conversou con este veciño do Val Miñor que preséntase como número dous na candidatura galega da Izquierda Plural.

 

VM.info - Vostede presentouse tamén aos últimos comicios municipais de Nigrán na formación de EU, na lista encabezada por Jacobo Gallego. A que se debe este salto, do ámbito municipal ao europeo? Que foi o que o motivou?

J.L.O. - A desesperación da xente. A necesidade de loitar contra unhas políticas austerizantes que nos chegan impostas sen ningún control democrático como é o caso da Comisión Europea e o Banco Central Europeo (BCE). Tamén a convicción de que débese rachar co bipartidismo no que populares e socialdemócratas, que levan coincidindo en máis do 70% das resolucións neste último período, controla o Parlamento Europeo. Unha alianza que no caso de España concretouse nunha modificación da Constitución en 24 horas para comprometer a débeda soberana e así garantir a da banca privada. Os verdadeiros responsables da crise e a desfeita económica na que está sumido o país.

VM.info -Neste caso vostede preséntase nunha lista conxunta con outras formacións, AGE que aglutina a EU, ANOVA e Espazo Ecosocialista Galego. Cales son as claves desta alianza de esquerdas?

J.L.O- Europa necesita dunha esquerda plural capaz de dar voz ás cidadáns europeos no parlamento. De colocar os verdadeiros intereses dos pobos de Europa por diante dos do capital nas instancias de decisión. Eu participo xunto co equipo de cidadáns que encabeza Lidia Senra na procura deste fins nunha alianza de esquerdas nada en Galicia como é Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Ao mesmo tempo formamos parte da candidatura estatal (Izquierda Plural) que lidera Willy Meyer. Nesta instancia estatal, Lidia atópase no quinto lugar da lista, o que asegurará sen dúbida a voz de Galicia en Europa.

VM.info -Cales son os proxectos ou intencións de AGE máis a curto prazo no parlamento europeo en materia económica, de emprego e de garantía de igualdade social?

J.L.O -Ademais da necesaria democratización das institución europeas, debese refundar Europa. É necesaria unha política de investimentos que atenda de xeito urxente o problema do desemprego, a vivenda, o retroceso brutal que están a sufrir os asalariados nas súas retribucións e dereitos en todo o continente e especialmente en España. Para iso hai que rachar co control que o bipartidismo exerce en institucións estratéxicas como o BCE e o Banco Europeo de Inversións. Estas entidades non deben estar só para financiar os intereses da banca privada. Obrigatoriamente deben asumir responsabilidades nun plan económico sostible que por exemplo, e este é un proxecto concreto que imos plantexar, cree nun curto prazo once millóns de empregos nos países máis afectados polas políticas de recortes que impuxo a Troika nestes anos. Organizacións non democráticas que estannos a minar a soberanía política dos cidadáns cos seus programas de consolidación fiscal.

VM.info -Moitos cidadáns non consideran estas eleccións como algo determinante no seu entorno, no próximo, ao contrario do que poderían pensar dunas eleccións municipais. ¿Cómo nos afecta localmente as decisións que se adoitan na UE?

J.L.O - Nestes intres se está a negociar a chamada Alianza Transatlántica de Comercio e Inversións. Un tratado de libre comercio e inversións entre a UE e os EEUU que queren impoñer as elites económicas na defensa dos seus intereses e co visto e prace do bipartidismo. Será unha radicalización das políticas neoliberais con fonda pegada no noso benestar e o medio ambiente. Todo isto se está a negociar en total segredo. Sen ningunha participación dos cidadáns. Se o vindeiro 25 de maio non imos votar, outros o farán por nós. Outros serán os que elixan aos representantes europeos e as políticas que se desenvolverán nos próximos anos.