Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Curro da Valga: a subvención do microchip chegou cun ano de retraso pero non impediu a festa.

Curro da Valga: a subvención do microchip chegou cun ano de retraso pero non impediu a festa.

Correo-e Imprimir PDF
curro da valga 5 2014

As cabrestradas , corte de crinas e colocación de marcas comezaron pasadas as cinco da tarde do pasado domingo, cando os máis de 200 garranos xoteados dende a mañá ingresaron no curro amurallado da Valga (Oia).  Foi o primeiro do calendario de curros da Serra da Groba e o Val Miñor desta primavera. Único curro da bisbarra cuxos propietarios colocan dende o 2013 o polémico mirochip ás bestas, cumprindo a obriga do decreto equino , norma resistida polo restos das asociacións de propietarios de garranos do Val Miñor. Colectivo que segue á espera da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o recurso presentado contra esta normativa.

A subvención dos microchip chegou cun ano de retraso pero non impediu a festa.

Os 11 euros que os membros deste colectivo pagaron en 2013 contaban cunha subvención do 40% que a Xunta pagou cun ano de retraso, segundo daban conta os afectados. Axuda que deixa en 7 euros o que deben afrontar do seu peto os propietarios por cada animal. Nesta edición do curro da Valga non se colocaron os transmisores nos novos exemplares, o que se anuncia terá lugar durante a celebración do curro da mosca no vindeiro mes de xullo.

Polémica aparte, a festa tradicional congregou a unha multitude (próximo a 700 persoas segundo os organizadores) que remontaron os 460 metros que ten A Groba nese punto para gozar da actividade.

Detectan a perda de exemplares sub-adultos tralas treboadas pasadas na Groba.

Segundo informaron membros da asociación SOS Groba, que ven traballando na conservación e estudo desta raza autóctona dende hai máis dunha década,  a pasada tempada de choivas que sufriu a zona afectou a moitos exemplares sub-adultos. Garranos que por atoparse na etapa de cambio de dentadura tiveron problemas de desnutrición, chegando nalgúns casos a morrer `pola dificultade de alimentarse a base de toxo.

A época coincide coa perda dos “dentes de leite”, algúns deles quedan case desdentados coa moi dificultosa ás veces case imposible posibilidade de inxerir e triturar o toxo, principal alimento durante o inverno. Ante o castigo do vento e as treboadas, “póñense de cu, e fican acurrucados durante horas deixando de comer. Os poucos nutrientes que brinda o toxo obrígalles a comer durante todo o día, ao non facelo, moitos deles morren”, explicaban a VM.

Ameazas de multa de ata 3000 euros aos propietarios que non coloquen o microchip.

Pasado o curro da Valga agora toca celebrar nos vindeiros domingos de xuño os de Torroña, Mougás, Morgadáns e San Cibrán, suspendidos o ano pasado en protesta pola obriga dos microchips.

Segundo fontes consultadas por VM, sobre todas eles pende a ameaza de multas de ata 3.000 euros por propietario se este ano non se colocan os aparellos aos garranos. Feito que ante a demora da xa citada resolución xudicial sobre o recurso presentado polas asociacións e a ausencia de curros do ano pasado faga ceder momentaneamente o rexeite a colocar o microchip.