Xoves, 28 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O xornalista miñorano, David Reinero, gaña o premio Xosé Aurelio Carracedo con “Angrois: o AVE en anacos”

O xornalista miñorano, David Reinero, gaña o premio Xosé Aurelio Carracedo con “Angrois: o AVE en anacos”

Correo-e Imprimir PDF
52f8a831b5cf7-reineroportada

O traballo premiado, titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública, recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País. O xornalista David Reinero (Nigrán, 1979) está especializado en política e infraestruturas. Traballa para o diario El País logo de pasar por Xornal de Galicia, o Departamento de Comunicación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e por Atlántico Diario. Ten colaborado con outros medios de comunicación así como co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e co Instituto de Estudos Miñoranos (IEM)

O xurado do destaca da obra premiada “o fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva.” Valora sinaladamente o xurado o desenvolvemento do traballo que parte da orixe da traxedia "para ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se plantexa a partires do accidente". "Elaborado, crítico, moi documentado e reflexivo", son adxectivos cos que o xurado resume este traballo, do que destaca a calidade estilística e xornalística do mesmo, "que permite o lector informarse e, á vez, sacar as súas propias conclusións".

premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo" 2014, dotado con 3.000 euros, é un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.

Tras coñecer a concesión do premio, que lle será entregado nun acto público o vindeiro día 3 de maio en Ourense, o autor amosou, en conversa co xornal colaborador Praza Pública, un triplo agradecemento. "Ao xurado", pola concesión do galardón, "a Praza Pública, por apostar por este formato de información, en libro e en papel, no que se poden contar máis cousas e de xeito máis demorado que no día a día da información" e ao diario El País, "polo apoio nesoutro traballo diario sen o que o libro non sería posible".

Nas páxinas de Angrois. O AVE en anacos, Reinero explica que "hai unha clara responsabilidade técnico" no accidente do Alvia, que "era evitable de varias maneiras" e tras o cal "os grandes partidos pretenderon taparse entre si".