Xoves, 25 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor 18 meses de cárcere e 845.664 euros en multas para a ex-concelleira de educación de Nigrán

18 meses de cárcere e 845.664 euros en multas para a ex-concelleira de educación de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF
Ana Costas Abalde (PP) ex-concelleira de Educación

A ex concelleira de Educación de Nigrán Ana Costas Abalde (PP) deberá pagar ao erario público un total de 845.664 euros entre multas e unha indemnización tras ter sido condenada por delitos de falsidade en documento mercantil e fraude fiscal.

A sentenza do Xulgado do Penal número 2 de Vigo tamén a condena a 18 meses de prisión e á perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas e incentivos fiscais por un período de tres anos e medio.


A información era recollida onte por La Voz de Galicia, ainda que noticia quedaba tapada polos outros casos de corrupción ao redor da operación Patos que salpica tamén a outro membro do goberno de Alberto Valverde (PP)  

 

A cantidade á que ten que facer fronte desagrégase en dúas multas de 300.000 e de 127.000 euros por delitos contra a facenda pública. O resto son os 418.664 euros cos que terá que indemnizar ás arcas do Estado polas cotas tributarias que defraudou durante o ano 2005, o período no que foi investigada.

A antiga representante municipal podería ingresar en prisión se non afronta o pagamento destas cantidades. O Xulgado do Penal número 2 de Vigo imponlle na sentenza un día de privación de liberdade por cada fracción de 5.000 euros impagada.

Segundo publica La Voz de Galicia, a maxistrada considerou probado que a acusada, como administradora única de Maderas y Transportes Rafael Costas, acordou co administrador doutra sociedade, Madeiras Hervi, a emisión de facturas falsas por supostas entregas de madeira ou servizos que nunca foron reais. Esta segunda entidade non tiña empregados, nin infraestrutura, nin ferramentas, nin contas bancarias asociadas á súa actividade, nin rexistro de operacións con terceiros, a pesar de que figuraba na contabilidade da empresa da ex-concelleira. O obxectivo deste xeito de actuar era diminuír a cantidade que lle correspondería pagar ao fisco. En total emitíronse 9 facturas por un importe próximo ao millón de euros.

 

A exresponsable de Educación no Concello de Nigrán renunciou á súa acta de concelleira o pasado mes de novembro, pouco despois de que o Faro de Vigo fixese pública a denuncia da Fiscalía e da Avogacía do Estado, argumentando problemas de saúde.

O alcalde de Nigrán defendeu no seu día a inocencia da ex concelleira.