Ferrol apoiará aos galegofalantes de Asturias, León e Zamora

Imprimir
© Copyright Xurxo LobatoO Concello de Ferrol vai establecer lazos de colaboración cultural permanente cos concellos de Asturias, León e Zamora nos que existen comunidades galegofalantes, coa intención de manter viva a lingua nos territorios nos que esta se conserva aínda fóra da comunidade autónoma.

A iniciativa, que comezará a desenvolverse esta mesma semana, foi aprobada coa unanimidade de todos os grupos municipais (Partido Popular, Independentes por Ferrol, PSdeG-PSOE, Bloque Nacionalista Galego e EU-IU) na sesión plenaria do pasado xoves. E incluirá dende o envío de libros e material a aquelas comunidades nas que se fala galego en Zamora, León e Asturias, ata a organización, neses mesmos lugares, de actos culturais conxuntos, visitas institucionais, intercambios académicos e fomento de proxectos de investigación lingüística e antropolóxica.

Real Academia Galega

Pero non remata aí o proxecto: o Concello de Ferrol vai solicitar unha entrevista co presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, para trasladarlle o desexo da corporación de que a institución incorpore, entre os seus membros, a un representante de denominado «galego estremeiro», o das anteditas zonas. E inmediatamente despois o Axuntamento de Ferrol pedirá aos municipios de toda Galicia que asuman, tamén, o compromiso de dar cantos pasos estean na súa man para que os galegofalantes de fóra de Galicia vexan recoñecido o seu esforzo por manter o idioma vivo.

A iniciativa ferrolá, que partiu dun concelleiro socialista, Eduardo Fra Molinero, natural do Bierzo e escritor en lingua galega, pero que foi asumida por todos os grupos municipais se excepción, quere ir, como sinala o propio Fra, moito máis alá do meramente simbólico. «Pretendemos -di o concelleiro socialista- que isto non sexa un mero xesto, senón unha iniciativa eficaz para manter vivo o galego fóra de Galicia. E iso pasa, en primeiro lugar -subliña-, porque quen fala galego en Asturias, León e Zamora, saiba que en Galicia se lle quere e se recoñece o seu compromiso co noso idioma».

Ferrol tamén ten a intención de solicitar, recorda Fra, que os rapaces galegofalantes de zonas como as do Eo-Navia (Asturias), A Portela (Zamora) e o Bierzo (León) encontren facilidades para integrarse, se o desexan, no sistema universitario de Galicia, e pedirá que se lles facilite o acceso «a todos os recursos culturais galegos financiados con fondos públicos».

«Creo -engade- que temos, con toda esa xente, unha débeda histórica, e que xa é o momento de poñerse a traballar».

Fonte www.lavozdegalicia.es