Detido un veciño de Baiona tras ameazar de morte a súa parella e a unha patrulla policial en Priegue.

Imprimir

-“Ya me denunció esa hija de puta, la voy a matar y a vosotros también con un tiro en la cabeza” ameazou J.V.V  (veciño de Baiona) aos axentes da policía local de Nigrán cando intentaban deterllo tras ser denunciado por agredir a súa parella.

Eran as 4:20 da tarde do martes cando a Policía Local de Nigrán recibiu unha chamada de auxilio dun taxista na que solicitaba protección ante as ameazas dun cliente. Segundo o denunciante, o trasladaba xunto coa súa parella cara a Sabarís cando o home comezou a insultar e ameazar á muller. Segundo testemuño do taxista, intentou interceder para calmar os ánimos, mais só logrou medrar a ira do agresor que  procedeu a quitarse o cinto de seguridade con intencións de atacarlle.

Ante a entidade dos feitos, o taxista decidiu deter o coche á altura da gasolineira de Priegue para dar aviso á policía. Oportunidade que aproveitou o pasaxeiro para descender do vehículo e fuxir do lugar cara o bar Paxarico na rúa do Torreiro.  Ata alí achegouse unha patrulla policial que comezou a requirirlle que saíse do local, provocando novamente a ira do home que espetoulles “Ya me denunció esa hija de puta, la voy a matar y a vosotros también con un tiro en la cabeza” . Aínda as ameazas, os axentes lograron deterlle.

A muller, vítima da agresión durante a viaxe, identificou ao detido como a súa actual parella, de quen agregou,  vén recibindo danos, ameazas e insultos decotío. Actos que segundo a denunciante, xa aconteceran durante a mañá do mesmo día. O home foi identificado pola policía de Nigrán como J.V.V., veciño de Baiona de 45 anos.