Tras catro días de folga de carácter indefinido en POVISA, diversas correntes políticas do Val Miñor reclaman unha acción adecuada por parte dos tres alcaldes da bisbarra, na defensa dos dereitos sanitarios da veciñanza. Nese senso, as agrupacións nacionalistas ANOVA e CxG, esixen unha maior implicación dos rexedores, na protección dos case 50.000 veciños da bisbarra, que por mor do convenio co SERGAS, deben se asistir nese centro de saúde privado.
O conflito
Povisa leva máis de 30 anos mantendo a maioría da súa actividade asistencial en base a diferentes concertos sanitarios co SERGAS. O derradeiro concerto data do ano 2000, prorrogado dende o ano 2008, outorgou a POVISA a atención especializada dunha parte da poboación da área sanitaria de Vigo que chega ás 134.000 persoas e que representa o 80 por cento da actividade asistencial de Hospital POVISA, ademais de convertelo en centro de referencia para certas especialidades (queimados, cirurxía da man e maxilofacial).
De acordo a versión dos traballadores, a dirección de Hospital leva dende o 1 de xaneiro de 2011 negándose a negociar o Convenio Colectivo, nun intento de obrigalos a aceptar condicións laborais moi precarias: menor salario, flexibilidade laboral superior ao 10 por cento da xornada que anula calquera posibilidade de conciliar a vida laboral e persoal, eliminación de categorías para crear grupos profesionais polivalentes, perda de dereitos sociais e legalizar medidas xa declaradas ilegais pola Xustiza.
Así, POVISA iniciou no ano 2010 un camiño de recortes de dereitos dos seus traballadores que se reflicte no paulatino deterioro da calidade asistencial: despedimento de 27 traballadoras da limpeza, 11 administrativos, redución de xornada a máis do 46% do cadro de persoal, flexibilidade horaria que supera os límites legais, eliminación das equipas estables de traballo, incumprimento de sentenzas firmes, redución nun 26% das substitucións de I.T., excedencias, vacacións, amortización dos postos vacantes por xubilación ou cese, redución nun 85% das horas extraordinarias, etc.
O día 23 de xullo, tivo lugar a derradeira reunión da mediación da Inspección de Traballo en relación á negociación do Convenio Colectivo 2011, que rematou sen acordo.
ANOVA esixe o pronunciamento dos alcaldes do Val Miñor
Desde ANOVA reclámase dos alcaldes dos tres Concellos do Val Miñor e da propia Mancomunidade de Municipios "un pronunciamento claro e contundente contra a devandita actuación de POVISA: que saian do seu letargo ou veraneo e que se poñan a traballar neste asunto defendendo ás miles de persoas afectadas na nosa Comarca que dependemos sen outra opción do hospital POVISA. Que presionen á Xunta para que resolva de vez esta situación intolerable".
Denuncian que a folga que acaba de comezar de entrada "terá consecuencias no servizo de cirurxía en urxencias, onde quedará operativo un só quirófano. Asemade quedarán paralizadas totalmente as consultas ambulatorias e as intervencións programadas, que se a maiores lle sumamos as listas de espera que arrastran de entre seis e sete meses, e fácil imaxinar as consecuencias inmediatas desta folga".
Compromiso por Galicia solidarizase cos traballadores e pacientes.
Segundo Compromiso por Galicia, a situación é insostible e non pode continuar por máis días. "Cun respecto escrupuloso dos servizos mínimos, as listas de agarda dispararanse se a folga continúa, mais o certo é que a empresa non da outra opción de protesta, polo que nos solidarizamos co persoal laboral e pedimos comprensión aos pacientes afectados" afirma. "Esta folga xa dura demasiado nun sector básico coma é a Sanidade Pública, e a empresa non debe precarizar os dereitos dos seus empregados, nin crear persoal de distinto nivel segundo o convenio a aplicar"
Artigo feito coa colaboración do Xornal Galicia Confidencial.