O PP rexeita proposta do BNG para solucionar o problema do transporte público no Val Miñor a través dun plan metropolitano.

Imprimir

 

-A iniciativa foi presentada pola deputada Carmen Adán o pasado mércores no parlamento galego e votada negativamente polos deputados populares.

O BNG acusa ao Partido Popular de “aplicar a súa maioría absoluta contra a cidadanía do Val Miñor”. Os nacionalistas acusan ao PP de  votar onte negativamente no parlamento galego, unha fórmula presentada pola deputada Carme Adán para dar saída á problemática do transporte na bisbarra.  A moción fora presentada o pasado 5 de febreiro  pola deputada Carme Adán ao facerse pública a intención das empresas que realizan o transporte nesta comarca e o Baixo Miño de reducir o servizo, xa de por si deficitario.

O BNG propoñía na súa moción a realización dun plan de transporte metropolitano da área de Vigo coa dotación orzamentaria necesaria, en que se incluíse o uso dun billete metropolitano e tarifas reducidas para usuarios habituais,  tamén para  estudantes, persoas xubiladas, etc. A iniciativa incluía esixir das empresas que realizan o servizo no Val Miñor o mantemento das liñas e horarios existentes en xaneiro.

“Unha vez máis o PP mostra a súa verdadeira faciana e goberna en contra dos intereses da cidadanía”, sostén o un comunicado emitido polo Bloque. “Por outro lado queda en evidencia o goberno local do PP en Gondomar, pois non soubo reclamar dos seus compañeiros de filas sensibilidade con este problema acuciante”, agregan.

O  BNG presentou alegacións neste tema nos concellos do Val Miñor, sendo aprobada polo pleno de Baiona e por unanimidade unha declaración contra a redución do servizo.

O BNG tamén presentou un escrito ante a Dirección Xeral de Mobilidade o pasado día 5 de febreiro, cunha alegación contra o proxecto presentado por ATSA.

Os nacionalistas adiantan que levarán o tema ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor para que se pronuncie ao respecto “e se posicione en contra desta redución”.