Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor O BNG presenta unha alegación contra a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo

O BNG presenta unha alegación contra a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo

Correo-e Imprimir PDF

-O BNG reclama o mantemento das liñas de transporte actuais, o seu incremento e mellora.

 

Os nacionalistas consideran que a redución de liñas de transporte colectivo proposta pola empresa prexudicaría gravemente a veciñanza do Val Miñor e tería graves implicacións en materia de transporte para os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, "xustamente nun momento en que o lóxico e necesario é potenciar o transporte público para contribuír á redución do gasto en desprazamento das persoas, reducir o número de vehículos por estrada, reducir as emisións de CO2 á atmosfera e, consecuentemente, o elevado nivel de contaminación da área de Vigo", sinalan.

En relación con isto o BNG votou favorabelmente unha moción conxunta de urxencia presentada no Concello de Baiona, que pedía o mantemento das liñas actuais e a potenciación do transporte metropolitano. A iniciativa tamén se levará ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor para que se pronuncie ao respecto.

Dentro desta campaña de oposición á redución do transporte, o BNG presentou o día 5 de febreiro tamén unha pregunta parlamentaria para que o tema sexa tratado no Parlamento de Galicia e continúa cunha recollida de sinaturas en contra desta medida.

O Bloque propón unha serie de medidas como a implantación dun plan de transporte metropolitano da área de Vigo, o incremento das liñas de transporte, das paradas, a creación dun billete metropolitano e a creación de tarifas reducidas.

Os nacionalistas tamén critican á empresa Melytour polas súas intencións de reducir a liña que cirucla entre as parroquias de Morgadáns e Couso "invocando agora a perigosidade do treito". Nese senso sinalan que "Chama a atención que este problema xurda agora, despois de ampliada a estrada e de que, nese mesmo traxecto se veñan realizando o transporte escolar desde hai máis de vinte anos".

Cuestionan que a empresa "con afán lucrativo fala unicamente de reducir as liñas, sen considerar que existen outras medidas para mellorar o transporte nese treito, como sería a utilización dun microbús lanzadeira ou a instalación de semáforos nos pasos máis estreitos, ou outras medidas que esixen a implicación da Xunta de Galiza".