Un "venres negro" presaxia unha próxima "marea negra" no Val Miñor. Os profesores dos centros de ensino da bisbarra reúnense para acordar medidas conxuntas en protesta polas novas condicións que imporá a nova Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE), que en carácter de anteproxecto tramita o goberno de España. Nomeadamente, este venres ás 12:30 horas o claustro de profesores do IES Escolas Proval manifestaranse vestidos de negro ás portas do centro como primeira medida de protesta.
O "venres negro" do IES Escolas Proval pretende alertar non só aos cadros docentes do ensino, tamén ás familias da bisbarra sobre o que consideran unha reforma educativa que afondará nunha "reforma ideolóxica, segregadora e elitista do sistema educativo", segundo manifestan nun comunicado librado este xoves.
Entre moitas pegas ao anteproxecto do ministro de Educación, José Ignacio Wert, os profesores entenden que este proxecto "introduce unha ESO segregadora, depreza a FP, introduce un modelo de avaliación como carreira de obstáculos, implanta a autonomía da competitividade, dá un salto atrás na xestión democrática dos centros educativos e retrocede na educación en valores".
Por outra banda, o claustro do IES Proval, convocou aos cadros docentes da bisbarra a unha xuntanza cara a creación dunha coordinadora de centros do Val Miñor. Nese senso, proponse unha próxima posible marcha dende os concellos e concentración na Ramallosa: "A marea negra do Val Miñor."