Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Un centenar de persoas homenaxearon na Volta dos Nove, a memoria das vítimas da represión franquista.

Un centenar de persoas homenaxearon na Volta dos Nove, a memoria das vítimas da represión franquista.

Correo-e Imprimir PDF
IMG 0579

Como tódolos anos dende o 2005, tivo lugar unha homenaxe na Volta dos Nove organizada polo Instituto de Estudos Miñoranos e familiares das vítimas. Ao redor do monumento do escultor Fernando Casás, que lembra aos nove miñoranos asasinados en Baiona na madrugada do 15 de outubro de 1936 pola represión franquista, un centenar de persoas asistiron baixo unha intensa choiva, nun acto de "memoria e dignidade", en palabras do historiador Carlos Méixome (IEM), quen fixo unha breve oratoria previa ás ofrendas florais.

 

Méixome sinalou que a memoria "é sempre subxectiva", por iso as persoa e colectivos lembran algunhas cousas e esquecen outras. Nese senso,sostivo que a sociedade está na obriga de lembrar sempre con actos como os desta xornada, ás persoas que perderon a súa vida por loitar por dereitos esenciais como o ensino público, a sanidade e tódolos dereitos socias que hoxe conforman o Estado de Benestar.

O director do IEM, sostivo que "a Historia é sempre contemporánea". Lembrou que entre os nove asasinados había membros do Sindicatos de Industrias Pesqueiras de Baiona e do Sindicato "El despertar del Valle", vinculados á central obreira CNT. Xentes da Fronte Popular, todos eles republicanos que soñaron cunha sociedade á que o "gran capital colleu medo", e "fixo o que fixo" daquela, non só en Galicia, senón tamén en Europa e no mundo en diante. Nese senso formulou a súa preocupación porque aqueles acontecementos do 36 non se repitan agora pola obra do "equipo de contables que gobernan o mundo", e están a comprometer cos seus designios as bases mínimas dunha vida digna.

Finalmente, sobre o espazo que lembra a "Volta dos Nove", familiares e diversos colectivos colocaron ofrendas florais baixo as estrofas do himno galego. Un espazo que amosa 45 novos loureiros replantados polo IEM, coa colaboración da mocidade da Comunidade de Montes de Couso, e cuxo mantemento está todo o ano a cargo dos familiares das vítimas.

No acto, celebrado este domingo 14 de outubro ás 13 horas, asistiron concelleiros dos tres municipios do Val Miñor, deputados provincias e representantes de diversos colectivos sindicais e socias da bisbarra.