Un estudo revela a desprotección da Serra da Groba na nova Proposta de ampliación da rede Natura 2000.

Imprimir
serra-da-groba-paseantes

A liña de cumes da Serra da Groba, así como o 70% das turbeiras fundamentais para a regulación hídrica e a biodiversidade do sistema montañoso do Val Miñor quedaría fóra da protección legal coa actual redacción feita pola Xunta de Galicia, da Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia. Así consta no estudo e alegacións recentemente presentado de xeito conxunto por 40 organizacións sociais, que van dende Greenpeace, decenas de plataformas españolas e galegas, así como as miñorás Salvemos Monteferro, SOS Groba e o Instituto de Estudos Miñoranos.O devandito estudo sustenta un reclamo presentado polo colectivo ante a Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, durante o período aberto ás alegacións que pechou o pasado sábado 17 de marzo.

 "Queremos denunciar que a extensión do novo LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) é claramente insuficiente, impedindo que se poidan protexer de maneira efectiva os valores naturais máis representativos desta serra litoral", denuncia o colectivo.

Contradición entre os motivos argumentados pola Xunta e a posterior redacción do LIC.

Nese senso, sinalan que a delimitación que propón a administración galega exclúe do espazo protexido a maior parte das turbeiras e breixeiras húmidas que existen na serra da Groba, atopándose o paradoxo de que "a presenza destes hábitats no espazo natural foi a razón esgrimida pola propia Xunta de Galicia para a declaración deste LIC de nova creación, en cumprimento da Decisión 2004/813/CE da Unión Europea."

A importancia das turbeiras radica tanto na súa función de regulador hídrico natural, que a partir dunha capa de sedimento vexetal, acumulado durante anos vai fornecendo o agromar de variadas especies vexetais e actúa como reserva, nunha dinámica de esponxa que absorbe e libera a auga acumulada. Nese senso, o profesor Xilberte Manso (SOS Groba - IEM), salientou o a existencia nese hábitat de tres especies vexetais incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas; dúas delas considéranse en perigo de extinción. As súas poboacións quedan excluídas da área protexida.

Outras especies vexetais e animais desprotexidas.

O estudo revela que a proposta inicial da Xunta non contempla a existencia de cervunais, "unha tipoloxía de pasteiros de montaña amplamente distribuídos ao longo de toda a serra da Groba, considerados na normativa comunitaria como de conservación prioritaria". Por outra banda, sinala que o trazado do novo LIC "constitúe unha nova ameaza para a sobrevivencia dunha das maiores poboacións de cabalo galego de monte, variedade de cabalo primitivo de grande valor xenético que cumpre un papel fundamental na conservación dos hábitats naturais e da biodiversidade da serra da Groba."

A nova redacción do Plan deixa a Galicia na cola en materia de protección de espazos naturais.

O colectiva afirma que "Por desgraza o que está a suceder coa serra da Groba non é unha excepción". Denuncian que a Proposta de ampliación da rede Natura que ven de presentar a Xunta de Galicia continúa "deixando o noso país no último lugar en superficie protexida de todo o estado español, a máis de 10 puntos porcentuais por debaixo da media estatal. Iso a pesar de que somos a 3ª comunidade autónoma en número de hábitats de interese comunitario por unidade de superficie (a media galega supera os 17 hábitats de interese comunitario por cada 100km2)".

Decisión 2004/813/CE da Unión Europea.

Nesta decisión comunitaria, a Unión Europea insta ao Estado Español a ampliar a protección destes hábitats na rede europea Natura 2000, pois considéraos insuficientemente representados. Este incumprimento da normativa comunitaria en territorio galego, xa motivou de feito unha condena do Tribunal de Xustiza comunitario ao estado español.

A serra da Groba como unha unidade xeográfica, histórica, etnográfica, ambiental e paisaxística.

O informe, reivindica a serra da Groba como unha unidade de valor patrimonial material e inmaterial de Galicia. Como tal "non debe ser fraccionada arbitrariamente e sen xustificación". Un exemplo disto atópase na " grande densidade do seu patrimonio arqueolóxico, organizado en distintos estratos cronolóxicos, sendo de destacar os petróglifos e os túmulos megalíticos ou mámoas". O documento tamén destaca a existencia de múltiples elementos históricos de "grande interese etnográfico como os foxos do lobo, que testemuñan unha relación moi particular entre o ser humano e a fauna, auténtico sinal de identidade dunhas sociedades de economía agropastoril, especialmente volcadas na gandeiría extensiva e no manexo do cabalo salvaxe."

Proposta alternativa ao Plan redactado pola Xunta.

Acompañando ás alegacións, o colectivo adxuntou unha proposta alternativa á actual redacción dada pola Xunta, que inclúe unha memoria descritiva dos principais valores naturais da serra, así como diversos planos. Nestes planos representamos a distribución das principais turbeiras e hábitats prioritarios da zona, e ofrecen unha delimitación alternativa para o novo Lugar de Importancia Comunitaria Serra da Groba e Monte da Valga.