Pesca reclama a 1.263 afectados polo Prestige, que devolvan as axudas

Imprimir

Cies- PrestigeA Consellería de Pesca reclama a 1.263 afectados pola catástrofe do Prestige que devolvan as axudas que receberon, xa que se detectaron erros na sua concesión. Ao revisar as solicitudes, a Xunta descobriu que ben por fallos da própria administración ou por fraudes na documentación apresentada polos damnificados pagara un total de 1,8 millóns de euros de forma indebida. O departamento que dirixe Enrique López Veiga solicitou xa por carta á maioria dos afectados que reintegren o diñeiro. Se nun prazo de tres meses non se produce a devolución, o Goberno galego recorrerá á via xudicial para reclamar os pagos.

A prática totalidade das persoas que cobraron estas axudas por erro comunicou xa á Administración a sua intención de devolver o diñeiro, despois de receber a notificación de Pesca. A Xunta enviou até catro cartas distintas a alguns afectados para lles pedir a restitución das subvencións. O último requeremento realizou-no o pasado 4 de marzo.

Fican, sen embargo, 38 persoas coas que a Consellería de Pesca ainda non pudo pór-se en contacto para lles reclamar a devolución das subvencións. "Non se lles pudo entregar a notificación, ou ben por erros no enderezo ou porque non queren recebé-la ", explicou o director xeral de Estruturas e Prazas, Andrés Hermida. Son un total de 52.400 euros que ainda están pendentes de pago. O departamento de López Veiga publicou os seus nomes na Diária Oficial de Galicia e dará-lles un prazo de tres meses para o reintegro das axudas antes de recorrer á via xudicial.

Tras a catástrofe do Prestige, a Xunta ofereceu unha liña de axudas a todos os profisionais afectados polo paro forzoso da actividade pesqueira a causa da contaminación mariña. En total foron 122.000 os afectados que cobraron estas compensacións durante o tempo que estivo proibida a pesca,  uns catro meses.

Nese momento o Goberno galego apurou ao máximo os trámites da concesión de axudas para entregar canto antes o diñeiro aos afectados. Por este motivo, Pesca tivo que revisar a documentación para se segurar que as subvencións se entregaron correctamente.

Sen embargo, o director xeral de Estruturas explica que alguns afectados estiveron a cobrar as axudas polo cese de actividade pese a que finalmente sairon a faenar ou atoparon outro traballo. Tamén se detectaron fallos na tramitación das compensacións por parte da Administración. "Houbo erros informáticos ou confusions xa que houbo xente que se deu de baixa das axudas e non aparecia constancia nos arquivos da Xunta", explicou Andrés Hermida.

www.farodevigo.es