Samuel Juárez rexeita exonerar aos cabalos do monte da colocación dun microchip de identificación.

Imprimir
juarez cabalo

Os propietarios dos cabalos salvaxes non terán da súa parte á Consellería de Medio Rural no canto do seus reclamos para eximir aos équidos nesa condición da obriga de colocarlles o microchip. O conselleiro da carteira, Samuel Juárez , deixou clara a súa posición onte na Coruña, tras manifestar que "o valor natural, social, económico, cultural ou mesmo etnográfico do cabalo de monte non exime á Consellería de cumprir a normativa europea sobre identificación de animais a través do seu correspondente dispositivo de identificación (microchip)".

Ademais, Juárez tamén afirmou que a "política de axudas continuará en marcha e que, de feito, a convocatoria de axudas para 2012 verá a luz, previsiblemente, antes de que remate este ano 2011 como orde anticipada de gasto". Anuncio co que atacou directamente uns dos argumentos de maior peso das asociacións cabalar, o custe do microchip que iguala case o do propio animal.

As organizacións de propietarios de cabalos aínda seguen a esperar a confirmación dunha reunión co presidente da Xunta de Galicia, pedida por estes o pasado luns 7 de novembro. De momento a Xunta non respondeu ao pedido. Nembargante, Juárez xa adiantou opinión e dixo que a nova norma sobre identificación dos cabalos de monte compatibilizará "os dereitos e deberes dos donos destes animais e dos propietarios dos terreos nos que se atopan." De seguido afirmou que "aquí non se cumpre o suposto de excepcionar a obriga da identificación destes animais ata o momento do seu transporte. A realidade en Galicia é que hoxe os cabalos non están confinados en zonas illadas, polo tanto non hai garantía de que non poidan escapar dos lugares nos que habitan en semi liberdade ou liberdade". Neste senso, falou dunha "crecente preocupación que existe na sociedade galega en xeral por temas relacionados cos animais e que teñen que ver coa seguridade vial ou os cultivos agrarios".