A Xunta e os empresarios procuran axilizar a tramitación administrativa dos parques eólicos.

Imprimir
PARQUE-EOLICO

A mesa de seguimento de tramitación dos proxectos eólicos integrada pola Consellería de Economía e Industria e mais a Asociación Eólica de Galicia (EGA) anunciaron a constatación do normal desenvolvemento do concurso eólico. Así o asegurou este xoves o responsable autonómico logo de manter unha nova xuntanza coa representante das empresas eólicas. Neste terceiro encontro, aseguraron traballar nun clima de "colaboración" onde "ambas partes sentaron as bases para a axilización, normalización e seguridade no procedemento de tramitación administrativa". Na xuntanza tratáronse tamén os aspectos técnicos relacionados coa evacuación da enerxía dos futuros parques "co obxectivo fundamental de atopar as mellores solucións".

Javier Guerra trasladou de novo á patronal eólica que a Comisión de Seguimento dos Plans Industriais "controlará e vixiará o desenvolvemento efectivo dos plans industriais asociados aos parques eólicos", e insistiu en que o seu departamento" manterá unha reunión de carácter mensual coa EGA coa finalidade de atopar sempre as mellores solucións para o normal desenvolvemento do concurso."

O concurso eólico prosegue o seu curso normal, aseguraron, co obxectivo de cumprir o mandato do Parlamento de Galicia de ter unha potencia autorizada de 6.500 MW no ano 2012. "A Lei de Aproveitamento Eólico, a orde que rexeu a convocatoria de admisión a trámite de 2.325 novos MW eólicos, a propia resolución da orde e o traballo da Comisión de Seguimento dos Pans Industriais asociados aos novos parques e o clima de colaboración coa EGA son os piares sobre os que se está a asegurar o desenvolvemento real do sector eólico logo da parálise herdada da etapa anterior", afirmou Guerra.

Deste xeito, Javier Guerra insistiu en que o concurso eólico xerará 6.000 millóns de euros en investimentos e creará máis de 13.000 postos de traballo no que xa é o maior plan industrial da historia de Galicia, posto que o procedemento posto en marcha por este Goberno "garante a execución dos proxectos industriais asociados á construción dos novos parques, e porque non haberá nin un só MW eólico que non leve directamente aparellado un investimento concreto e obrigatorio."