A situación dos cabalo ceibes foi informada nunha reunión dos propietarios coa eurodeputada Ana Miranda.

Imprimir
xuntanza-ana-miranda-cabalos

O custo dos microchips que de forma obrigatoria terán que colocar os propietarios de burras de monte, segundo a nova normativa da Xunta de Galicia, roldan entre os 40 ou 50 euros. No último curro celebrado no Val Miñor a mellor egua vendeuse a 50€ e o máis prometedor dos poldros a 40€. O resto estivo por debaixo deses números, e por riba, 30 dos 200 exemplares que entraron ao curro remataron enchendo camións cara a Portugal e Valencia. A situación foi denunciada polos propietarios de gando equino do Val Miñor nunha xuntanza que mantiveron este mediodía coa eurodeputada Ana Miranda, no Centro Cultural de Baíña, a iniciativa da asociación ecoloxista SOS Groba e á que concorreron representantes das agrupacións nacionalistas de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia.

O cabalo ceibe non é rendible en termos económicos, sen embargo por razóns culturais os propietarios manteñen a tradición de mercalos, levalos ao curro para colocar as marcas, inscribilos nos libros , pagar os seguros, asistir a cota da asociación correspondente. Esta sinal de identidade pode converterse en lenda se a comunidade non atopa unha solución que faga viable a tradición e non remate desmotivando aqueles que seguen a manter esta especie única en Europa. Segundo afirmaron na xuntanza, o microchip ten un costo que é inviable de soster para os propietarios e por riba, os mesmos están convencidos de que non ten ningunha utilidade, pois as tradicionais marcas cos seus respectivos rexistros nos libros, xa cumpren a devandita función.

Ana Miranda informou sobre a pregunta presentada ante a Comisión do Parlamento Europeo a que trata da posible exoneración ao cabalo ceibe galego da obriga do microchip. A posibilidade estaría na propia norma europea que inclúe ao cabalo salvaxe dentro das especies posibles da medida. A eurodeputada tamén sinalou que é preocupación da súa bancada o retraso que ten Galicia con respecto as zonas de ampliación da Rede Natura, tarefa que a Xunta de Galicia tería que ter rematado antes do final de 2010. A nacionalista sinalou que hai unha sospeita fundada de que ao goberno autonómico non lle interesa tal ampliación, e coincidindo co expresado durante a reunión por SOS Groba, estase ante un intento claro de afogar ás sociedades de montes en man común, a través dunha nova lei de montes, onde priman "outros intereses".

As afirmacións e Ana Miranda foron apoiadas polos representantes das asociacións de propietarios as que manifestaron que non hai interese en manter o cabalo ceibe, por parte da Xunta. De feito, a asociación da Groba denunciou que en seu momento foron ameazados dende o goberno coa requisa dos cabalos que non tiveran colocado o microchip. Logo achegáronse as partes e permitiuse a realización dos curros, pero sempre baixo a obriga de que terá que colocarse o identificador no futuro.

Pola súa banda, os representantes das candidaturas do BNG de Baiona, Gondomar, Nigrán e Oia, manifestaron o seu total apoio a actividade desenvolvida polas sociedades de propietarios de cabalos, e aos organizadores dos curros. Xosé Enrique Fernández (Baiona), Xosé Antón Araúxo (Gondomar), Eduardo Méndez Quintas (Nigrán) e mais Miguel Giráldez (Oia), coincidiron en que este non é un tema de campaña electoral e que o BNG se compromete a traballar por el logo do 22 de maio, "xa sexa dende o goberno , xa sexa dende a oposición".

Xilberte Manso de la Torre e Xosé Lois Vilar, sostiveron a posición de SOSGroba, de defender ao cabalo ceibe polo seu valor patrimonial cultural de Galicia. Unha realidade que xa pode atoparse nos gravados na pedra (petróglifos), de varios miles de anos. Tamén defenderon o seu valor ecolóxico, como desbrozador natural do monte. Afirmación apoiada polas asociacións de propietarios que afirmaron que de quitarse ao cabalo do monte "en dous anos non hai quen poda entrar neles". Joaquín Álvarez Blázquez, secretario das asociacións de propietarios afirmou que tamén o PSOE contactou con eles, coa intención de presentar unha iniciativa a nivel europeo. Os asistentes quedaron en manter unha nova reunión unha vez obtida a resposta á pregunta presentada por Ana Miranda na UE, dentro de 30 días.