O Pleno da Mancomunidade ratificou os despidos do GRUMIR e a súa transformación.

Imprimir
plenomancomunidadegrumir

O Pleno da Mancomunidade do Val Miñor votou por maioría o despido dos doce traballadores do GRUMIR e a formación dun equipo mixto de contratados e voluntarios que cumprirá as funcións de prevencións e auxilio ata a concreción dun parque de bombeiros na bisbarra. A moción tamén inclúe a realización urxente dun conxunto de xestións ante a Xunta de Galicia e mais a Deputación de Pontevedra na procura dunha solución definitiva ao tema. O debate foi intenso e contou coa achega de aplausos e desaprobación do público que encheu o Salón de Plenos do Concello de Baiona. Os concelleiros Xosé Enrique Fernández (BNG-Baiona), Fátima Rodríguez (BNG-Gondomar), Teresa Pérez (PSOE-Baiona) e mais Charo Valverde (UCN-Nigrán), votaron en contra do despido dos traballadores.

Os tres alcaldes da bisbarra estiveron de acordo en non asumir os custes da contratación permanente dos doce traballadores por parte do órgano supramunicipal. Ao largo do debate, tanto o rexedor baionés Jesús Almuíña (PP), como o nigranense Efrén Juanes (PSOE) consideraron que comparten a urxente necesidade de atopar unha fórmula que de solución definitiva ao tema, pero aclararon que iso é resorte da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, as que contan cos proxectos e os medios económicos para facelo. Debido ao insuficiente orzamento da Mancomunidade, os alcaldes entenden que a súa responsabilidade é xestionar coa maio urxencia a resolución favorable destas administracións.

Os concelleiros nacionalistas e da independente UCN así como a concelleira socialista de Baiona, afirmaron entender o problema económico, pero afirmaron que non afrontalo non era a solución. Todos eles coincidiron que o "finiquito" do GRUMIR implicaba un baleirado dos contidos do organismo. No transcurso do debate, o nacionalista Xosé Enrique Fernádez volveu a reiterar a súa sospeita dun intento soterrado de rematar este problema coa privatización deste servizo, como xa está a facerse noutros concellos.

Nos próximos días os traballadores serán notificados do seu despido e a Mancomunidade pasará a contratar a tres deles có obxectivo de sumarllos aos tres xa fixos. Con isto e ata a resolución das administracións autonómicas o provinciais, o Val Miñor terá como servizo de emerxencias un traballador profesional por día coa asistencia de voluntarios.