Domingo, 24 Jun. 2018

Actualizado11:03:00 AM GMT

Estás en Val Miñor O IGADI analizará en Baiona a súa estratexia 2011-2016

O IGADI analizará en Baiona a súa estratexia 2011-2016

Correo-e Imprimir PDF
IGADI

Baixo o lema Estratexia 2011-2016: ideas na encrucillada da crise, o próximo sábado 6 de novembro de 2010 reunirase en Baiona, no Parador Conde de Gondomar, o Consello Reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI . Nesta xuntanza, o IGADI realizará un balance de actividades e concretará as liñas de traballo para o próximo lustro.

Co horizonte do seu 25º aniversario, o Consello Reitor abordará aspectos de importancia contextualizados no actual panorama de crise económica, con especial atención cara a plena institucionalización física e orgánica da entidade; a mellora das súas capacidades nos eidos de estudo e actividades; a cooperación internacional ao desenvolvemento; a acción exterior de Galicia; e a análise política e estratéxica rexional e mundial.

O Consello Reitor abordará tamén a importancia para Galicia e, especificamente para a vila de Baiona, da celebración dos Bicentenarios das Independencias Hispanoamericanas, contemplando unha aproximación plural sobre o actual momento de cambio en América Latina. Paralelamente, reflexionará sobre a necesidade de ampliar os eidos de actuación da acción exterior de Galicia dentro do actual contexto de crise económica, principalmente dirixidos a propiciar os mecanismos de internacionalización e universalización da acción exterior da nosa Comunidade como garantes indispensables dunha estratexia de superación da crise.

A xuntanza do Consello Reitor do IGADI lembrará igualmente a figura e traxectoria de Fernando Pérez-Barreiro Nolla, membro do Consello falecido en Londres o pasado 4 de xaneiro de 2010.