URUGUAI . O Centro Valle Miñor celebrou o seu 64º aniversario cun torneo de bolos celtas.

Imprimir
Escudo_Valle_Mior_de_Uruguay

O Centro Vale Miñor cumpriu os seus 64 anos de vida. A institución presidida por Carlos Barcia todos os anos realiza un torneo internacional, Copa Aniversario. Nesta oportunidade participaron os equipos arxentinos do Círculo Social Valle Miñor, Centro Galicia e o Centro Cangas de Narcea, xunto ao anfitrión Centro Valle Miñor. Nesta oportunidade, a copa 64º Aniversario quedou en casa dos anfitrións.

Concluído o torneo, realizouse a cea do aniversario cunha grande concorrencia e a participación de autoridades como a conselleira laboral en Uruguai Rosa Fuentes Candelas, o presidente da Federación de Institucións Españolas, Jorge Torres Cantalapiedra e Eduardo Miras, presidente da Unión de Sociedades Gallegas del Uruguay, entre outras autoridades institucionais. A festa estivo animada por grupos folclóricos da institución de emigrantes miñoranos e a banda de gaitas Irmandade, rematando cun animado baile.

O Centro Social Cultural y Deportivo de Bolos Valle Miñor, foi fundado o 21 de agosto de 1947, por emigrantes procedentes dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, co fin de xogar aos bolos celtas. Pouco a pouco converteuse nunha institución que cumpre tamén con diversos obxectivos sociais e culturais. Hoxe, ademais dos seus socios fundacionais, participan fillos e netos daqueles emigrantes, así como moitos uruguaios achegados a ela, sendo unhas das asociacións de maior prestixio na República Oriental del Uruguay.