Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Tras a arquitectura.

Correo-e Imprimir PDF
Debuxo-a-s-t-2009

Convido a quen teña interese pola boa arquitectura, por sentir algunha das máis íntimas emocións provocadas por esta disciplina artística, a visitar Viana do Castelo. Quen o faga terá ocasión, se lle peta, de percorrer a historia mentres acariña pedras vellas sabiamente labradas, de entrar en contacto cos ferros e obras do XIX, de transitar polo racionalismo do XX e de tocar a contemporaneidade, e, dentro desta e, enténdase, argumento principal para a publicación deste artigo, deleitarse cunha peza portentosa. Se ademais media afección polos libros e a lectura, a ocasión será practicamente única.

Viana, pequena cidade do norte portugués, conserva un casco histórico amplo, atractivo e de razoable interese, cuxo espazo público foi tratado con determinación e considerable acerto nestes últimos catro ou cinco lustros, principalmente. Esta mellora do espazo público faculta o cidadán para percibir a anónima, vitrificada e colorista arquitectura doméstica, que compón o casarío común da cidade, doutro xeito; todo parece máis axustado, máis coherente, de maior categoría. Despois, de cando en vez, unha obra de carácter máis monumental; non moito. Sucede coa Igreja Matriz, moi próxima á Praça da República, cos antigos Paços do Concelho e a Casa da Misericórdia ou Casa das Varandas, ambas as dúas na praza citada, onde a auga aínda segue abrollando a través da fonte renacentista que a preside, coa Igreja de São Domingos, no largo do mesmo nome, e tantas máis. Asemade, é Viana cidade de benévola topografía para o camiñante que, paseándoa pola ribeira do Limia, podería caer na tentación de citar o Castelo de Santiago da Barra e a ponte Eiffel como os seus límites urbanos a poñente e levante. En todo caso, medie ou non tentación, a metade de camiño entre os mencionados fitos, hectómetro máis ou menos, sitúase a Praça da Liberdade, poñéndolle punto final á Avda. dos Convatentes da Grande Guerra, ese gran tallo que parte en dúas a cidade, e custodiándoa un cuarteto que en realidade é unha simbólica tríade; nela, o noso máximo obxectivo.

A arquitectura contemporánea portuguesa inicia a súa gran difusión coa aparición do que se denominou "Escola do Porto", un xeito particular de entender a disciplina por parte de profesionais aglutinados nesta cidade que tivo gran eco internacional. O iniciador foi Fernando Távora, os máximos representantes: Álvaro Siza e Eduardo Souto de Moura. Nesta mesma orde, cada un foi mestre do seguinte; os tres, amigos entre si ata que Fernando desertou da vida. Álvaro e Eduardo recibiron o Pritzker; Siza Vieira é un xenio.

De Fernando Távora existe no lugar sinalado un elegante e moi contido edificio multiúsos, que en superficie se mostra a través de dous volumes paralelos e independentes. A poñente, en estado moi avanzado de construción, levántase o único proxecto de Souto de Moura, un centro cultural, que ensina desinhibidamente as tripas, algo insólito no seu traballo. A levante, a Biblioteca Pública, de Siza, un exercicio admirable. Este edificio, aínda só, xustifica sobradamente a visita.

O mestre de Matosinhos utilizando a súa habitual poética proxectual concibe unha peza que se ata delicadamente ao lugar de implantación e, ao tempo, remarca o carácter público mediante a incorporación dun persoalísimo pórtico/adro; este, ademais de funcionar como espazo de transición entre exterior e interior, facilita a conexión visual cidade-río. O edificio, rematado ao exterior integramente en formigón branco, póusase no chan a través dun zócolo granítico de primorosa estereotomía. Pero a arquitectura para gozala hai que entrar nela, que non para outra cousa se crea.

No interior volve xurdir toda a gramática deste arquitecto único; as súas invariantes e preocupacións: o tratamento da luz natural e artificial, a orientación das pezas, o control solar, a escala, a xeometría, a idea de espazo tallado, o encadre e a sublimación da paisaxe, o respecto pola sinxeleza, a actitude crítica, a idea de confort, o respecto ao material, o detalle construtivo, a busca do axeitado ambiente interior,… Estas e outras cuestións están tratadas ao máis alto nivel no edificio, pero fanse especialmente patentes nas salas de lectura dispostas flotando perimetralmente ao baleiro do pórtico de acceso da planta baixa. Unha visita que haberá de facerse, nunca debe ser doutro xeito, de acordo ao uso establecido no edificio, coa calma e tempo preciso, dándose o necesario para reparar en calidades e, se cadra, descubrir curiosidades; como a localización da sinatura do propio arquitecto en parrulos de cadeiras e mesas, que igual que o resto do mobiliario do edificio tamén é da súa autoría. Paseniño, a biblioteca non fecha ao mediodía. 

Así o vin hai anos, volvino sentir tempo máis tarde e lémbroo hoxe. Así o conto, sen pretensión distinta á de que evocar as miñas percepcións poida servir para axudar a espertar outras. Por certo, se alguén ve desfalecer as forzas físicas e necesita remedio gastronómico faría ben en resistir a ampla e sobada oferta turística común e buscar remedio nos arredores da rúa Prior do Crato; non sairá defraudado.