Domingo, 16 Dec. 2018

Actualizado11:03:00 AM GMT

Hortas de maxia.

Correo-e Imprimir PDF
elsur

 

Foi hai un momento, buscando un libro de reducido tamaño sobre a sustentabilidade arquitectónica na libraría que dá servizo ao pequeno estudio de casa, cando a miña vista tropezou, no último andel, coas películas de Erice.

Hai moitos anos, un domingo, o meu irmán Manolo, como outras veces, invitáranos a merendar á súa casa. Coido que nos acompañaba algún amigo máis pero non lembro con exactitude, non podo precisar. Si recordo, non obstante, que as nenas eran aínda moi pequenas e que nos reunimos na sala de estar e non no xardín, como adoitabamos facer cando a climatoloxía e temperatura ambiente o permitían, polo que supoño debería ser inverno, como o é agora, ou polo menos parecelo.

Durante esta reunión, de igual xeito a como sucedera en moitas outras celebradas no interior da vivenda, o televisor era un convidado máis aínda que ninguén lle fixese caso; tal estaba a acontecer. Pero, de súpeto, sen saber como, reclamou a miña atención a secuencia que aparecía en pantalla dunha película que estaban a pasar. Tratei de ver todo o que puiden sen facerme notar e sen rebentar a reunión.

Nunca oíra falar de Víctor Erice, non o coñecía, pero o efecto que me produciu o xeito de narrar os sentimentos daquel grupo dispar de persoas arredor dunha primeira comuñón - a escena circunscribía e relataba o banquete - foi tan cativador que ao día seguinte empecei a investigar quen era o director de El Sur; único dato que sobre a fita obtiven aquela tarde. Hoxe teño todas as súas longametraxes, que como é sabido son ben poucas, e cada vez que unha  delas comeza síntome ante a obra dun mestre.

Así foi o meu encontro con Erice. Así o deixei escrito hai anos. Antes del, tamén casualmente e nese mesmo medio ou en pantalla grande, como debe ser pero case xa non o é, tropezara coas hortas de maxia cultivadas por Saura, Berlanga ou Buñuel. Despois coas de Manoel de Oliveira, Almodóvar e Julio Medem. E coma quen di onte cruceime coas de Isabel Coixet, José Luís Guerín e Jaime Rosales. Ibéricos. Nesta mesma xeografía, topei outras hortas enchidas de fantasía e beleza.

A casualidade é unha oportunidade coa que te agasalla o destino. Cando o agasallo non busca troco fala dun tempo habitado pola equidade, dun medio no que pode florecer heteroxeneamente a oportunidade sen necesidade de ter que domar a cobiza, e rodeados de oportunidades sempre é máis probable que emerxa a casualidade. Xa!. Unha quimera, unha utopía; o xénero humano, en xeral, non é equitativo. Na xeografía citada, e supoño que noutras, é moi improbable que a través da casualidade topemos cultivos ilusionantes procedentes dos máis diversos lugares de Europa, Asia ou África, que satisfagan as nosas arelas de fantasía na penumbra dunha sala. Pura lotaría. Camuflados no que coñecemos por leis de mercado agóchanse poderosos intereses espurios, disfrazados de tendencia nos gustos sociais, que inundan o territorio cinematográfico con produtos mediocres. Amigo meu!, os gustos manipúlanse dende o poder. Hollywood, obradoiro de soños onde naceron moitos dos mellores filmes da historia do cinema e onde traballaron e maquinan excepcionais directores, invade aleivosamente o noso lecer con obras de moi baixa calidade que, en realidade, sempre son variacións da mesma. E, se cadra, monotemáticas; EE. UU. sempre é protagonista.

Sen saber, pregunto. Como sería posible que, sen necesidade de recorrer a Internet, aumentara a probabilidade de atoparse, casualmente ou non, con hortas de fantasía orixinais, emocionantes, frescas e ben xerminadas, non procedentes de Norteamérica? Cando sucederá? Ou será que o futuro e a solución a estes problemas, e a outros do mundo do cinema, pasa obrigatoriamente por Internet e as súas evolucións? Pregunto sen saber.