Domingo, 24 Jun. 2018

Actualizado11:03:00 AM GMT

Bandullo de balea.

Correo-e Imprimir PDF
casa-Camacho-Sinde

 

Andamos desasistidos. Non, non me refiro a que bote en falta unha tutela aínda máis paternalista por parte do Estado; quita. Nin a que os banqueiros e as multinacionais nos miren de esguello, mentres manteñen a postura, ata onde lles permite a pesada carga da saqueta que portan, para, se a ocasión é propicia, saír correndo, en vez de facelo de fronte e sen malicia. Non. Refírome ao alento. É tanto o tempo que levamos tirando pola vida en condicións desmedidamente precarias, no plano económico-social digo, que xa case non nos quedan reservas, pero, aínda así, non cederemos. Falo da masa social que compoñemos a parte media-baixa da pirámide. A maioría. Obvio.

Pero, aínda camiñando por paraxes tan desoladas, non perdo a esperanza de toparme cunha porta que desemboque en territorios xerminados. É unha cuestión de resistencia. Unha resistencia que sempre aplaude con fartura cando ve que se lle arrima a imaxinación; claro, sempre hai sitio no grupo para unha primeira figura. En todo caso, se Teseo foi quen de entrar no Labirinto, matar o Minotauro e despois saír vitorioso, por que nós haberemos de ser menos? Pode que o fío que a el lle serviu de faro se transforme no noso aliado na loita que actualmente mantemos neste outro, difuso e incorpóreo, labirinto. Lembro de cando neno aquela imaxe, para min nada inquietante, duns pequenos protagonistas correndo e brincando dentro dun poderoso bandullo de balea. Tamén estes, naturalmente, conseguiron saír e na súa vida posterior cruzáronse novas aventuras.

As descontinuidades e adelgazamentos da cadea económica rematan por afectar a case todos, na cidade e no campo. E tamén ás migracións que entre os devanditos ámbitos se producen. E xeran emigracións indesexables... pero, paradoxalmente, estas perversións económicas, en ocasións, carrexan efectos positivos: en Galicia, por caso, deberiamos dar tombos de alegría ao comprobar como se paralizou a tortuosa infección de edificacións construídas nese incombustible estilo Remordemento que todo o apertaba. Nel o granito era tristemente maltratado e sometido a desquiciantes e babosas molduras; estilo que, nun día de delirio, quero pensar, saíu a defender un crítico de arte na prensa viguesa. Home! que unha cousa é o dereito a comer e outra, moi distinta, ser catedrático de horteradas.

E ao fío das migracións. Cada día, esaxero, morre unha aldea. O rural séguese a desertizar. Galicia convértese nun gran camposanto de cetáceos graníticos varados no campo. Pero ás veces xorde un romántico que desexa rozarse coa natureza, ou unha loitadora que ve nestas paraxes un xeito de escapar á descarada pobreza urbana -na cidade a pobreza é máis pobreza-, ou mesmo aparece algunha parella que decide melancolicamente revivir historias escoitadas na casa, aos maiores, fixándose nun destes cetáceos para dar forma aos seus soños. A rehabilitación de obras de arquitectura é outra das consecuencias do proceso no que estamos inmersos. Boa consecuencia, sen dúbida.

É un acto emocionante dotar de nova vida unha destas pezas. Na franxa costeira escasean; as razóns son coñecidas. Na Galicia interior abundan. Cando se tratan con dedicación e un mínimo de sensibilidade enseguida se obteñen resultados sorprendentes, espazos moi agradables para a vida. Recentemente tiven ocasión de intervir nunha delas, unha casa duns douscentos anos aproximadamente, e cada vez que penetro na sala principal, a cal ocupa todo o primeiro andar baixo un teitume con todos os costelares de madeira da cuberta nun branco que quixo ser envolvente, vólvome sentir no bandullo daquela balea que só habitei coa imaxinación. Síntome seguro. Ditoso. Xogando a vivir. Esa era a idea.