Segunda xornada.

Imprimir
Casa das Artes. Fragmento do soto. Sines. Arq. Aires Mateus.

Sabiamos que o museo instalado no antigo Farol da Guia, primeiro faro levantado na costa portuguesa, hoxe en desuso, non abría ao público ata as dez da mañá e, en consecuencia, decidimos achegarnos, de xeito circunstancial, a Estoril. Xa de regreso paramos á entrada de Cascais para ver con detemento o edificio de uso residencial que Byrne construíu recentemente nese lugar, voando ingrávido sobre a beira do océano. Vino e volvín velo, entregado, pero non fun quen de sentilo afín. Despois, coa hora cumprida, visitamos o Museo do Farol.

Para darlle cabida, os Aires Mateus (1) restauraron o faro e acondicionaron os edificios complementarios, consolidaron o antigo forte militar sobre o que se asentan e, dentro dos seus límites, incorporaron unha nova peza de arquitectura que dá continuidade á volumetría existente e pecha o espazo respecto ás traseiras dos edificios que actualmente lindan por ese lateral co forte. Formal e espacialmente colmou as miñas expectativas, tal e como prevía; agradoume a idea, que propoñen, de explorar a resolución de fachadas e cubertas co mesmo material, transferíndolle ao obxecto arquitectónico a posibilidade de ser lido como un sólido. Moi escultórico, nada arrogante. Percorrémolo coa calma debida e aínda tivemos tempo para, dende a lanterna orfa do faro, demorarnos a contemplar un azul refulxente que parecía ser infinito.

Ao saír, despois de atravesar camiñando o parque Carmona, volvemos visitar o museo dedicado á pintora Paula Rego. Cando xa nos iamos decateime de que non entrara no auditorio e pedín permiso para facelo. Superadas as dificultades iniciais, finalmente entrei.

O seguinte obxectivo xa se situaba no Além-Tejo. Para alcanzalo cruzamos a ponte 25 de Abril, sobre o Tajo, e mentres o faciamos puiden ver, de xeito impreciso, ao lonxe, Lisboa; esta vez, a cidade da luz branca non forma parte do noso itinerario. Empezaba a quentar con fartura o sol, o ceo estaba despexado; o día espléndido.

Os Aires Mateus construíron en Alcacer do Sal outra obra que é testemuño do interese destes arquitectos polas masas escavadas e a abstracción aplicada á arquitectura. Non foi doado atopala. En realidade, non a atopariamos nunca buscándoa na parte alta da vila, tal e como o estabamos a facer na crenza de que toda ela se reducía ao que tiñamos ante os ollos. O erro produciuse como consecuencia de entrar a esa cota cando, en realidade, o centro urbano está oculto nunha garganta bastante máis abaixo. Quitounos del un rapaz de boa vontade ao que pedimos axuda. Cun ricto de concentración na cara e despois de cavilar un anaco, empezou a dar unha serie de indicacións acompañándose de expresivos xestos manuais, pero cando levaba un bo tempo falando parouse subitamente. Dixo que era complicado chegar alá e que mellor sería que nos fixese un debuxo do percorrido. Baixei do coche e entregueille o meu caderno de notas. Debuxou canto quixo, non moito, sen deixar de falar. Cando rematou deille as grazas; fixo algún retoque e volvinllas dar. Regresei ao coche mentres el desaparecía camiñando e entregueille o caderno a María José; miramos con detemento o esbozo e finalmente tomamos a decisión de guiarnos polas súas indicacións orais. Ao final, atopámola.

A Residência de anciãos recóstase con naturalidade sobre unha topografía inclinada e convive sen facer demasiado ruído cos seus patéticos veciños. É un edificio lineal, de sección rectangular que, a medida que vai esvarando pendente abaixo, québrase varias veces ata pechar parcialmente un espazo común de relación, protexido polo propio edificio do ruído e o control indesexable que xeran as vías públicas ás que dá fronte. Mentres María José se centraba en tirarlle fotografías saquei uns lapis da bolsa e tomei algúns apuntamentos; ao rematar, saímos. Alcacer é unha poboación de casas brancas que se apertan, aba abaixo, aos pés do antigo castelo ata pararse, xa na chaira, un bo treito antes de alcanzar o río Sado. Aquí, entre o río e o casarío, ábrese o principal espazo de convivencia da vila e é onde esta ofrece a súa mellor fachada; alí, no castelo, hoxe emprázase a Pousada.

Eliximos seguir a ruta por estrada nacional para poder contemplar máis pausadamente a paisaxe e a vexetación desta zona litoral do Alentejo. Ao cabo dun tempo, unha gran rotonda anúncianos que entramos en Sines.

Sines é outra poboación presidida por fortaleza medieval. Pertenceu á xurisdición de Santiago do Cacém ata que en mil trescentos sesenta e dous o rei D. Pedro I concedeulle foro. A súa situación é de total dominio sobre o Atlántico, co que se atopa combinando grandes areais e algúns penedos. O antigo castelo apenas conserva pouco máis que a cerca, e o seu recinto empregase hoxe para usos culturais. Á súa beira, nunha especie de meseta horizontal, amontóanse as casas brancas con zócolos e recercados de portas e ventás pintados en fortes cores, entre as que abundan os verdes, azuis e amarelos; a maioría están estragadas e maltratadas. Buscando o meu obxectivo entre elas, chámame a atención unha bela panorámica; paro o coche e apéome para contemplala, xiro, levanto a vista e non dou crédito ao tamaño que ás veces alcanza a casualidade. Parara xusto diante do soar onde nacera o gran mariño Vasco da Gama; dío unha placa alí colocada, mirando ao mar. Pouco despois, xa a pé, demos co obxectivo da visita a Sines: a Casa das Artes, última obra que tiñamos previsto visitar dos Aires Mateus. É unha peza de excelente concepción, como é sabido, á que a administración está a aplicar un baixo mantemento. O xeito como os arquitectos conducen a luz dentro do espazo é extraordinario, e a inserción urbana da volumetría un grande acerto que hoxe vese con desgana polo maltratado que está o ámbito; unha mágoa.

Rumiando estas sensacións encontradas, cruzamos Grândola. Ao facelo, lémbrome de Zeca Afonso e do vinte e cinco de Abril; era previsible e ata tópico. No coche soa Stompy Jones, do Duke, fóra, nas árbores que bordean a estrada, zumban as carricantas. Mentres conduzo, decátome de que no Alentejo xa é tempo de vendima.

Ao atardecer, tras achegarnos a Montemor-o-Novo para contemplar como as casas outra vez brancas, tipicamente alentejanas, recercadas a eito en azuis e amarelos e provistas de enormes chemineas, ordénanse unha vez máis á sombra do vello castelo, chegamos por estrada nacional a Évora. Despois de instalarnos no hotel, fixémonos cun plano e demos un primeiro paseo pola cidade. Máis tarde, xa decididos a cear, medio atravesámola acompañando a un home duns setenta anos, máis ben alto, seco de carnes, orgulloso da súa terra e amable en extremo, que se empeñou en que deberiamos facelo n´O Fialho. Segundo el, por dúas razóns: era o mellor restaurante da cidade e de prezo non prohibitivo. Xa escurecía cando, despois de camiñar durante longo tempo por estreitas, labirínticas e reviradas rúas empedradas, desembocamos nunha praza ampla e algo desestruturada na que, ao lado contrario, segundo nos dixo, emprazábase o local ditoso. María José estaba a punto de afogarse na súa propia suor; eu non presentaba mellor estado. O cicerone, que ademais de ter apuro, ou ser de natural apurado, se cría na obriga de falarnos mentres camiñaba, bufaba como un pura sangue á carreira. A suor esvaráballe polo nariz en forma de grosas pingueiras que remataban estampándose no chan mentres, co brazo estirado apuntando á casa de comidas, asegurábase de que o comprenderamos perfectamente. Fixémoslle ver que si e, tras agradecerlle a información e a vontade posta, despedímonos ao tempo que enfilabamos o restaurante. Moi pouco despois soubemos que a galopada fora en van: estaba pechado por vacacións. Desandamos o andado, agora a velocidade de conveniencia, e fomos directamente á rúa da Moeda onde, no Cocinha do Santo Humberto, tomamos tranquilamente un suculento borrego assado e unha botella de tinto alentejano. Rematamos o día compartindo uns gin-tonic despois da media noite na pouco concorrida praça do Giraldo, autentico corazón da cidade.

(1)  Manuel e Francisco Aires Mateus son irmáns e arquitectos lisboetas, como xa se dixo na primeira entrega (Prólogo) desta Viaxe á estrema dura de Iberia.