Afinidades cromáticas

Imprimir
Agalia de abaixo - Santiado de Compostela
Ponte Vecchio - Florencia
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte
Como é sabido, o ser humano percibe a natureza en cores e ademais trata de imitala. Dende tempos remotos utilizou o cromatismo para manifestar os seus intereses e emocións e hoxe, miles de anos despois, ségueo facendo.

A cor, como moitas outras cousas na vida, é de filiación subxectiva, pero iso non anula o feito de que existan combinacións cromáticas atractivas e outras que non o son; nin tampouco que haxa ambientes, temperaturas e tonalidades de luz que admitan mellor a uns cores que a outros; mesmo non impide que o tempo, o uso e o costume cheguen a crear certos paradigmas a este respecto. Por exemplo, cinguíndome a criterios totalmente simplificadores, eu percibo a Italia, no que a intervención humana se refire, como un territorio en cor mentres que á península Ibérica, tamén no construído polo home, séntoa en branco e negro. Esta división cromática nada ten que ver con categorías de beleza; é notorio que ambos os dous territorios, aínda admitindo esta división, son posuidores de cidades belísimas. Entendo que esta diferenza que percibo é consecuencia ou resultado dunha serie de decisións e eleccións tomadas ao longo do tempo polos sucesivos habitantes destes lugares, en función de múltiples parámetros, que remataron por dar como resultado un xeito propio de facer, de sentir, de ver as cousas. Unha especificidade. Eu, polo menos, véxoo así e satisfaime.

Seguindo esta tese, e segundo o meu criterio, Galicia e por extensión o Val Miñor formarían parte desta imaxe en branco e negro. Galicia necesita o branco para loitar contra a somnolenta e gris luz natural, para equilibrar visual e animicamente a paisaxe. ¿Que sería de Santiago sen o branco que viste as súas arquitecturas? Seguramente unha cidade asfixiante... ¿Invivible? Santiago é unha cidade de arquitecturas brancas onde o enmarcado, a escala, os ritmos e os monumentos se construíron en granito. Pero só iso.

Os núcleos rurais do Val Miñor aínda non fai moitos anos que estaban constituídos por edificacións cuxa cor dominante era o gris-pardo do granito co que, ao paso do tempo, case chegaba a mimetizarse a tella. Só a carpintaría de portas e ventás colocaba, nesas volumetrías, unha mínima pero decidida nota de cor, suficiente para alegrar a composición pero nunca grotesca.

Nos núcleos urbanos a tónica era a mesma pero ademais, como xa vimos no caso de Santiago, tomaba moita presenza o branco; tamén o gris perla. Unha presenza neutra que o unificaba todo e funcionaba como fondo da composición. Desta regra xeral apartábase, excepcionalmente, Gondomar. Segundo conta Aubrey F. G. Bell no relato da súa viaxe por estas terras, publicada no ano 1922, as casas de Gondomar eran vermellas e marróns. Hoxe, debido ao modismo moi pouco afortunado de pedra á vista, sexa cal sexa a súa condición, toda esta teoría de cor e outras sutilezas aparelladas case desapareceu dos núcleos urbanos do Miñor.

Un feito moi actual é o emprego masivo e indiscriminado da cor en todos os ámbitos sociais e isto, en moitas ocasións, xera situacións esteticamente deficientes. Moi a miúdo pregúntome: ¿Que parámetro cromático utilizamos ao comprar a roupa? ¿Temos algún? ¿Racionalizamos a opción ou compramos por impulso? E cando nos vestimos ¿Atendemos á combinación cromática? ¿E á gráfica dos tecidos? A semana pasada visitei a exposición de Virxilio Vieitez, no MARCO, e todos estes problemas que o branco e negro dilúe completamente quedan ao descuberto na súa última etapa en cor. Unha situación toleada onde a cor é unha sangría ao máis puro gusto Almodóvar.

Este uso desmesurado da cor hai un tempo que se implantou no Val Miñor. Aquela sutileza que impoñía a utilización de determinados materiais e a optimización dos escasos recursos económicos desapareceu devorada por unha presenza cromática que abrangue á totalidade do obxecto construído. Unhas cores fortes e agresivas que alguén con mal pensar podería entender que teñen por obxectivo chamar a atención; facerse ver.

Similar falta de criterio, penso, seguen as administracións cando, por exemplo, sen atender a ningunha das preexistencias, sementan literalmente o territorio de mobiliario urbano pintado das máis disparatadas cores. En cuestións cromáticas, e seguindo co mundo do cinema, penso que quizais alcanzásemos mellores resultados seguindo criterios viscontianos, por caso, pois como é sabido, o que vale para a ficción non ten por que servir para a realidade.

Todo isto da cor, comparado segundo con que, é unha banalidade pero tamén as banalidades forman parte da vida e hai ocasións, que ninguén me pregunte cales ou cantas, onde a estética non é banal. Para min non o é.