Diversos episodios ao longo dos últimos anos puxeron de manifesto que os consumidores, formados, responsables e solidarios teñen capacidade para por freo a prácticas que entenderon contrarias aos seus intereses ou aos de doutros axentes que interveñen no proceso de comercialización de bens, produtos e servizos. Así o entende a Unión de Consumidores de Galicia. Mais para que un consumidor poida actuar e adoptar decisións responsables como consumidor cómpre que estea debidamente formado sobre o proceso de comercialización daqueles produtos e servizos.
UCGAL considera que no caso do leite o consumidor medio non está debidamente formado sobre o proceso de comercialización e conformación dos prezos, e que ate o momento non foi capaz de dotarse dos mecanismos necesarios para poder avaliar o sector no seu conxunto e adoptar unha decisión de compra racional que responda tanto aos seus intereses particulares como aos xerais do conxunto dos axentes que interveñen na cadea de valor do produto.