Domingo, 26 Mar. 2017

Actualizado05:00:34 PM GMT

Estás en Opinion Opinión A implicación dos consumidores é fundamental para asegurar o futuro do sector lácteo

A implicación dos consumidores é fundamental para asegurar o futuro do sector lácteo

Correo-e Imprimir PDF
10-minutos-convencerle-riesgos-productos-lacteos1

Diversos episodios ao longo dos últimos anos puxeron de manifesto que os consumidores, formados, responsables e solidarios teñen capacidade para por freo a prácticas que entenderon contrarias aos seus intereses ou aos de doutros axentes que interveñen no proceso de comercialización de bens, produtos e servizos. Así o entende a Unión de Consumidores de Galicia. Mais para que un consumidor poida actuar e adoptar decisións responsables como consumidor cómpre que estea debidamente formado sobre o proceso de comercialización daqueles produtos e servizos.

UCGAL considera que no caso do leite o consumidor medio non está debidamente formado sobre o proceso de comercialización e conformación dos prezos, e que ate o momento non foi capaz de dotarse dos mecanismos necesarios para poder avaliar o sector no seu conxunto e adoptar unha decisión de compra racional que responda tanto aos seus intereses particulares como aos xerais do conxunto dos axentes que interveñen na cadea de valor do produto.

A xuízo de UCGAL, o consumidor galego segue sendo tendo moitas dificultades para responder á pregunta de canto debería custar un litro de leite galego no punto de venta para que os elos máis febles da cadea obteñan unha retribución que lles permita seguir afrontando de forma sostible o desenvolvemento da súa actividade. Por este motivo quizais non sexa consciente na súa xusta medida da banalización á que día a día se somete un produto que noutras partes do mundo, a ben seguro, gozaría de incondicional apoio por toda a sociedade.

Desa falta de formación do consumidor galego, Unión de Consumidores de Galicia responsabiliza a todos os axentes da cadea pero fundamentalmente á administración. Malia que uns e outros afirman ter en conta os intereses das persoas consumidoras, o certo é que incluso no contexto actual, ningún parece estar interesado en contar coa súa opinión, ou a lo menos das organizacións que as representan. Nin esta organización nin o órgano consultivo que representa ao conxunto de entidades dedicadas á defensa dos consumidores e usuarios galegos foi sequera consultada sobre a súa visión dos problemas do sector. Malia isto, ningún deles dubida en pedirlle aos consumidores que sexamos responsables á hora de mercar. 

Unión de Consumidores de Galicia considera que os consumidores podemos facer moito nesta materia pero para poder contribuír precisamos de medidas que nos axuden, dentro das nosas propias posibilidades, a adoptar hábitos de consumo máis responsables. Con este obxectivo, UCGAL presentou hai meses á Consellería do Medio Rural e do Mar, unha batería de medidas enfocadas, tanto a mellorar a formación e información do consumidor, (desde a escola ata a universidade) como a sacar á luz as constantes e innumerables prácticas que dificultan a posta en valor do leite e os seus derivados. UCGAL lamenta a total falta de resposta da Consellería a estas propostas ate o momento non foron obxecto de valoración.

 O valor dos distintivos ou selos

Entre as poucas ferramentas coas que actualmente conta o consumidor para adoptar a súa decisión de compra en relación cos produtos lácteos atopamos os selos Galega 100% e PLS. Pero para Unión de Consumidores de Galicia ningún dos dous serve para dar cumprida resposta ás reivindicacións dos nosos produtores.

Galega 100% identifica produtos elaborados con leite procedente de explotacións incluídas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada creado polo Decreto 57/2010, e malia que permite garantir a trazabilidade dunha materia prima que cumpre cuns requisitos de calidade excepcionais e superiores á esixente normativa comunitaria, non inclúe obrigas nin compromisos de natureza contractual nin económica que garanta a pervivencia das explotacións.

Malia que a exhibición do selo PLS (Produto Lácteo Sustentábel) obriga aos produtores a respectar o contido do Real Decreto 1363/20121 e á distribución alimentaria a que garanta que non se use o produto como reclamo e a que se poña en valor, favorecendo así que a cadea de valor sexa sostible; a realidade é que nada disto parece estar cumpríndose. Sobre o respecto ás obrigas contidas no decreto e sobre a utilización do leite como reclamo pouco hai que dicir que non sexa público e notorio.

Ademais de que hoxe en día podemos atopar no mercado bricks e outros derivados lácteos que exhiben o selo PLS e que son producidos por empresas que foron sospeitosas ou mesmo sancionadas por vulnerar as normas de competencia e do mercado, cómpre lembrar que a máis que relativa publicidade dos convenios bilaterais e as memorias que subxacen no outorgamento para utilizar este distintivo.

O papel dos consumidores Neste contexto, Unión de Consumidores de Galicia, quere reivindicar o seu papel do último elo da cadea, un axente que os demais din ter presentes pero do que á postre parecen esquecerse, quizais para evitar na medida do posible que adquira conciencia da súa verdadeira capacidade e da súa potencial forza.

Quizais no curto prazo, os consumidores non podamos aportar significativas solucións pero do que esta organización de consumidores non dubida é de que no medio e no longo si poden contribuír decididamente a solucionar moitos dos actuais problemas. Para que isto sexa posible cómpre incidir na formación, xa desde a escola, na información e na divulgación transparente da realidade do sector no seu conxunto, sen descoidar un control efectivo do mercado que permita soterrar prácticas que só favorecen a uns poucos. 

Precisamente nesa liña, e para evitar que se lancen mensaxes confusas ao consumidor, UCGAL prepara unha denuncia contra unha das principais empresas do sector na nosa comunidade por considerar que está a facer publicidade enganosa sobre a utilización de determinados distintivos.

Posiblemente non sexa a única.

Para máis información: 

Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo / Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo

981 56 64 11 / 981 58 66 96

1 https://www.boe.es/boe/dias/2012/10/02/pdfs/BOE‐A‐2012‐12292.pdf

2 http://www.magrama.gob.es/es/megustalaleche/pls.a