Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Opinión Participación do Val Miñor nas Marchas da Dignidade o 29Novembro en Compostela.

Participación do Val Miñor nas Marchas da Dignidade o 29Novembro en Compostela.

Correo-e Imprimir PDF
marrucho

Que algunhas persoas do Val Miñor esteamos activas, ilusionadas e esperanzadas con esta nova acción das Marchas da Dignidade pode parecer un feito normal, xa que levamos anos ou décadas participando en agrupacións e accións políticas, pero temos que engadir algunhas cousas máis, que nos fan dicir 29N EU VOU.

As Marchas da Dignidade aglutinan asociacións e agrupacións políticas moi heteroxéneas, o xeito de traballo é horizontal e se coida a igualdade e a participación independentemente do tamaño das organizacións, xunto cos tres temas recollidos no lema, "Pan, Traballo e Teito" cunha especial relevancia para nós, por ser do Val Miñor.

Queremos participar nas políticas que se desenvolven nos nosos concellos e territorios, xa que defendemos unha democracia real, superadora da representatividade, na que nos converteu un bipartidismo españolista, que só nos deixa votar unha vez cada catro anos e pagar impostos, por suposto.
Cunha taxa de paro de máis do 25% da poboación activa asistimos á desaparición dos nosos traballos autóctonos, con capacidade de competir nunha economía máis diversificada, mentres desaparecen os traballos fixos e ben pagados e aumenta a precariedade laboral.

Asistimos estupefactas ao que de sempre coñecemos, a corrupción, pero tamén neste caso a realidade supera a ficción xunto cun discurso que pretende culpabilizarnos do gasto público en sanidade, educación ou culpabilizando as persoas desafiuzadas por non poder pagar unha hipoteca, cando fomos nós, cos nosos cartos, os que rescatamos o sistema bancario español de sucesivas bancarrotas.

Queremos participar na elaboración de lexislación medioambiental, urbanística e económica nun momento no que sabemos que o goberno español e a UE están a negociar un tratado de libre comercio cos EEUU, que suporá entre outras cousas, a intervención total e absoluta das multinacionais na nosa soberanía popular, ou o que é o mesmo, o seu crecemento económico é o único a ter en conta, os territorios nos que vivimos e os seus recursos serán postos á súa disposición sen ningún tipo de problema.

Sufrimos o que se está a sufrir en todo o Estado español, por iso querémonos sumar as diferentes marchas que o percorrerán na fin de semana do 29 de Novembro. En Galiza imos contar con cinco columnas que confluiremos en Compostela o 29N.
Para ir quentando motores querémosvos convidar a unha asemblea informativa que terá lugar o mércores 5 ás 20:30 no café Rañolas en Gondomar e a manifestación en Vigo dende a praza de Fernando o Católico o xoves 6 ás 20:30.