O San Lourenzo de Belesar

Imprimir

Para Xoán 2 de 5

Vivía na parroquia de Belesar do Concello de Baiona un home máis ben pequeno, forte, tirando a groso e cunha calva grande e brillante coma unha lúa chea do mes de setembro que cubría cunha pucha daquelas de pouco voo pois non ia máis alá de onde remataba a calva e comezaba o pelo. Chamábase Manuel Blanco pero cando falaban del tirábanlle polo alcuño de “o xuíz”. Tiña oficio de carpinteiro e traballaba nunha fábrica de vidro que había na entrada de Vigo, preto da estación dos tranvías de Vigo a Baiona chamada a Florida, e nela baixaba, os días que ía traballar que eran todos menos os domingos e “festas de gardar”, coma se dicía naquel entón, unha hora despois de coller ás seis da maña en Sabarís o primeiro tranvía e facendo o percorrido de volta ás seis do serán.

Tocaba a tuba ou o trombón na Banda de Música de Belesar, unha das que animaban as festas da bisbarra en competencia coas moitas que houbo sempre no Val do Miñor, case unha en cada parroquia –Mougás, Baiona, Vilaza, Chaín, Vincios, ……-, que coas “parrandas” que formaban para o Nadal ou Reis daban saída ás afeccións musicais dos veciños. Os rapaces facíano cabrear zugando limóns diante del para que a saliva lle fixese trabucar as notas da música, xa fose no palco, no pasacalle ou na procesión. Cando puña o uniforme da Banda era das poucas veces que cambiaba a pucha pola gorra de prato, pois a pucha non a tiraba da cachola máis que para limpar a suor, saudar alguén importante ou entrar na igrexa.

Casara cunha muller, tamén baixa e repoluda, loura de pelo que peiteaba en rizos “de permanente” semellando as melenas dun león e de pel moi branca como lle gusta presumir aos homes. Era filla duns emigrados, como non, que aprenderan nas Américas o oficio de chocolateiros que coma algúns outros asentáranse no barrio O Telleiro o carón da ponte da Xunqueira. Gustáballe invitar os rapaces a tomar o chocolate con boloardo, dos que facía Laureana ou Copena en Gondomar, porque non era doado encontrar os churros.               

O abade de Belesar, que era irmán de D. Carlos Valverde que foi moitos anos  Alcalde do Concello de Nigrán e cando viña visitalo baixaba dende Belesar montado nun cabalo de bonita feitura, confiaba moito no “Xuíz” por iso tiña as chaves da sancristía por se, como pasaba por veces, tiña que reparar algún santo ou santa, un retablo, un banco ou un altar, exercendo o  seu oficio de carpinteiro. Unha vez, en vésperas da festa de San Lourenzo que se celebra o dez do mes de agosto, o “Xuíz” púxose a recompoñer un santo que estaba gardado na sancristía para que lucise na procesión que paseaba arredor da igrexa e pouco máis acompañado dos devotos e ofrecidos, algúns deles vestindo unha falsa semellanza da mortalla que levaría no seu enterramento, feito de tartana branca, amarela ou morada ao gusto que lle  cadraba a cada quen e levando candeas acesas.

O tal santo era daqueles que ían vestidos, moi fachendosos, con roupas de ricos panos pero soamente tiñan labradas a cabeza, as mans e as pernas ou os zapatos se os amosaban. Ou sexa, como aquelas bonecas antigas que só tiñan a cabeza e as mans de porcelana e o resto era un corpo amorfo e recheo de trapos ou relo de madeiras serradas que cubrían vestindo un traxe ou faldrón coma os que levaban os nenos o día de os bautizar. Pero este non era o caso do santo pois o resto do corpo era un armazón de madeira, basta e sen traballar, que nin sequera imitaba un corpo, de onde saía a cabeza, as mans e as pernas. Ou sexa, todo o que non tapaba o vestido. Ah! Pero se levantabas o vestido e mirabas entre os paus que imitaban as pernas, vías un ben dotado carallo. ¡Non tiña dúbida, era un santo!.