Xoves, 24 Jan. 2019

Actualizado11:03:00 AM GMT

Estás en Opinion O cruceiro de San Campio O galo do xefe da Estación de TEV

O galo do xefe da Estación de TEV

Correo-e Imprimir PDF
O Xefe da Estación dos Tranvías da Ramallosa tiña un pequeno galiñeiro fronte ao edificio da Estación, pasadas as plataformas de viaxeiros e entre as vías que levaban os trens para as cocheiras.
Este galiñeiro acollía unha ducia de galiñas, máis ou menos, e un galo. Pola mañá cedo, antes de que comezasen a moverse os tranvías, xa o galo estaba farto de cantarlle ao día. Estivese a chover, houbese brétema do río ou comezase a saír o sol aló por riba do monte Galiñeiro. Dáballe o mesmo, o caso era que lle abrisen a porta do galiñeiro e que el e o bando das galiñas puidesen saír e comezasen a depenicar nas herbas –bosteiros non había naquel eido-, ou nas areas do chan mentres non lle botasen uns grans de millo se e que cadraba, que non era sempre.

Pero a présa que tiña o galo non era por comezar a depenicar para saciar a fame. Érache outra clase de fame a que quería saciar.
Nada máis verse fóra do galiñeiro comezaba a dar voltas arredor dunha das galiñas cunha ala baixada ata bater co chan e fretala co esporón, que mediría 3 ou 4 centímetros, ata que montaba na galiña e para que non se movese picáballe na cabeza a carón da crista e baixando a cola para empurrar ben a xeito, deixábaa ben galada.

E repetía a faena con todas as do bando, fosen poucas ou moitas, non deixaba unha atrás.

A verdade é que facía graza espreitalo.
Parecía un xeneral pasando revista ás tropas. Ademais é que mesmo tiña xeito diso, pois había que ver que ergueito e fachendoso se amosaba. E o de fachendoso, neste caso, podíase semellar co termo “fachoso” de “fachista” ou fascista.

Pero o conto non acababa aquí.

O conto é que non sei como sabía que preto de alí habíache máis gando para “torear”. E nin estaba tan preto nin tan fácil de chegar a el.
Na praza que hai á entrada da Ponte Romana, onde está a eira na que mallaban os feixóns e naquel tempo había un ferrador, soltaban un pequeno bando de galiñas a familia dos “Roades”.
Pois ben, o fachendoso do galo ía moi farruco cara á praza pasando á beira das cocheiras, atravesando o torreiro entre a ermida de San Campio e o Cruceiro, cruzaba a estrada de Baiona, entraba na praza e unha a unha repasaba a ducia de galiñas que alí andaban.
Coa mesma, unha vez que tiña cumprido co que el entendía era o seu deber, e era máis ben o seu pracer, volvía aos seus eidos da Estación dos tranvías facendo o percorrido á inversa.

E tampouco acaba aquí a historia.

Porque no serán, cando a luz ía baixando e xa o sol se agachaba detrás do monte Lourido como aviso de que chegaba a noite, antes de que as galiñas comezasen a buscar a porta do galiñeiro para apoleirarse no poleiro, o fachendoso do galo, co mesmo xeito de pola mañá, repetía a mesma cerimonia de galar todo o bando das galiñas do Xefe de Estación e volvía viaxar a carón da Ponte Romana para cumprir o galado das galiñas da familia “dos Roade” e algún desta familia –quizás a Doloriñas- espreitaba desde a fiestra e agradecía o xeito do galo pois era garante de que de todos os ovos nacesen pitos cando algunha galiña chocase.
Pola mesma razón tamén ao Xefe de Estación, D. Antonio Pascual, aledabase co bo xeito do galo e ao velo “traballar” púñaselle un sorriso na faciana e tremíalle o incipiente bandullo co pracer que isto lle producía.




Con agradecemento a Miguel Anxo Mouriño por correxir este esrito para axeitalo a nova normativa Galega.