Carmen “a coxa”

Imprimir
Día de feira na Ramallosa. Foto do IEM

Moitos de vós, os que teñades máis de trinta anos, lembraredes ver a esta muller acotío na estación do tranvía da Ramallosa, pois todas as tardes vendía froita alí. A súa coxeira era ben sobresainte.
Carmen estaba coxa porque se metera diante dun camión que estivera a piques de atropelar a un dos moitos fillos que tiña, e levouna por diante, iso si, ao fillo non lle pasou nada. Recibiu o golpe na cadeira deixándoa eivada.
Ela contaba esta historia e engadía, salientando a súa fortaleza, “e miren que cabalo serei que nin febre tiven”.

Levaba sempre posto o mantelo na cachola, que a miúdo axeitaba adiantándoo ata cubrir a face e logo botaba para atrás ata o comezo do pelo e suxeitábao anoándoo cun lazo na gorxa.

Viña a pé pola mañanciña desde Baiona vendendo polas portas o peixe, maiormente pequeno, que pescaban os mariñeiros nas gamelas (sardiñas, xoubiñas, xureliños, serráns, maragotas, pintos…) e que traía na patela posta na cabeza e ía cabo da Xunqueira onde chegaba ao redor do mediodía.

Alí, na Xunqueira, enchía outra vez a patela de froita da tempada (cereixas de Donas, peras de San Antonio que tiñan a cor das fazulas rosadiñas que lle pintaban ao Santo e ao neno nas imaxes das igrexas, peras de San Xoán, mazás, ameixas “ou claudias” amarelas daquelas que chamaban “xaponesas” e outras que mercaba, as máis das veces, no eido de D. Eladio, o que fora director das Escolas Pro Val. E volvía camiñando, tamén ofrecendo a froita polas portas, ata a Estación do Tranvía da Ramallosa, onde botaba o resto da tarde antes de volver a Baiona.

Era así como arranxaba a economía para sacar adiante unha numerosa prole, seica eran máis de dez os fillos que tiña. Algún deles, máis experto, dicían que chegara a ser director da Banda de Música de Coruxo.

Alí, na Estación do Tranvía, baixo a sombra do paseo das árbores no verán ou, se o tempo non era bo, na sala de espera que había no baixo da Casa-Estación -pois era tamén a casa do Xefe da Estación, que estaba decorada cuns cadriños, obra dun ourive que fora empregado como cobrador dos tranvías e que chegou a ser uns dos mais recoñecidos ourives traballando no azibeche ou no marfil da nomeada “Escola de Santiago de Compostela” e que se chamaba Angel Cajaraville “Mareque”, que amosaban escenas chistosas coa teima de que os viaxeiros aprenderan o bo uso do tranvía-.
Estaba sempre disposta a falar coa xente que baixaba ou esperaba un tranvía para ir a Vigo, Baiona ou Gondomar ou que saía ou esperaba para entrar no “Cine Imperial” que estaba alí a carón dela.

Cando non había xente botaba un parrafeo co garda-agullas, ao que os rapaces chamábanlle “Chuti”.

O seu home andaba no mar, e ela, como a maioría das mulleres galegas que levan o peso da casa, leváballe “o gasto” (tabaco, algunha cousa para comer...) antes de embarcar e volvía cando desembarcaba para recoller o peixe que trouxera para vendelo e facer fronte aos gastos da súa numerosa prole.

Un deses días, contaba ela, “o meu home, que fora ao mar, á pesca do congro (congaro dicía ela), traía unhas boas pezas pero cando desembarcou, a parella da Guarda Civil estaba esperándoo e levouno preso”.

Carmen xamais falaba da causa deste apresamento, pero o certo é que fora profanada unha tumba no cimiterio de Baiona, onde estaba enterrado un coñecido baionés que se chamaba Godoy, e roubáranlle a fibela do cinto e a dentadura que eran de ouro.

Por iso o condenaron e estivo preso nun penal de Asturias.

Pasado un tempo, chegou un día moi alporizada e ás persoas ás que lles tiña moita confianza contáballes que lle escribira o seu home dicindo que xa o soltaban do penal, que andaba moi doente porque estaba “ético” e lle pedía cartos para volver a Baiona.
Ela comentaba que reunira aos fillos para saber que lles parecía a volta do pai. Un dos moitos fillos que tiña díxolle: “Eu non quero que veña porque cando estaba aquí batíame a miúdo e ademais é un ladrón”. Ao que ela, moi anoxada, contestáralle:”cala rapaz, que é teu pai e dáche educación!”.

Ela estaba moi fachendosa porque cando estivera a servir a uns señoritos na vila de Noia lle aprenderan a contar os cartos doutro xeito, e dicía “agora xa non conto os cartos como antes, un real, un patacón, unha perra, unha perra chica… Agora conto unha dez, unha vinte, unha trinta…”.

ara ela Noia era outro mundo, tal que non falaban igual que na bisbarra do Val Miñor. “Alí ás patacas chámanlles “baloucas”, aos baldes "sellas", e ás “anécoras” “anécoras” como acá”.

Un estudante de arquitectura en Madrid, fillo dunha familia vinculada e con casa no Val Miñor, que pasaba o verán na Ramallosa, levou esta cantilena para a Escola de Arquitectura, e cando andaban de troula a repetían a coro facendo pregunta e resposta deste xeito: “As patacas? baloucas!. Os baldes? sellas!. E as anécoras? anécoras como acá!”.