Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ De acrobacias e levitacións

De acrobacias e levitacións

Correo-e Imprimir PDF
acroba

Sabemos polos museos, que houbo un tempo no que as figuras e as cousas se asentaban na terra do cadro, ben apegadiñas a súas sombras, aos penedos e relevos da paisaxe. Daquela, a liña do horizonte era un límite respectado, tanto polos probes mortais como polos seres, febles e espirituais, que aniñaban nos nubeiros do ceo. Iso co gallo da pintura. Mais, tamén nas figuras esculpidas, decote suxeitas ao chan, o pedestal, opoñéndose sutilmente á presión da gravidade, suxería unha serena estabilidade que a nosa percepción acollía con agrado e satisfacción. 

Mais, chegou Muybridge, aquel fotógrafo que, por resolver unha vella aposta, demostrou que hai un intre do galope no que o cabalo non apoia ningunha das patas no chan. E aquela levidade, privilexio secular de anxos, santasteresas e outros axentes do ceo, espallouse, a modo de refinado, cosmopolita e renovado panteísmo, polo mundo físico e terreal. Se cadra, só é un xeito de contalo, mais, segundo o punto de vista que escollamos, poderemos afirmar que a espiritualidade aterrou por fin, polo propio peso de séculos, como unha brétema matinal. Ou tamén, que a materia esponxou como a masa dun biscoito ou roscón, gañando aire e lixeireza. Non sei. O certo é que, desde os pintores impresionistas, amantes dos reflexos da auga, o fume dos ferrocarrís e as variacións atmosféricas, ata as columnas infinitas de Brancusi, ou as etéreas imaxes do cinematógrafo, aquel lado inferior que mantiña a toda figura ben apertada ao chan, aquel asento tan grato e prezado polo ollo humano, foise reducindo, paseniño, ata desaparecer. Daquela, desprendidas, algareiras, as veces dislocadas ou en anacos, cousas e figuras deron en invadir o espazo, arrastrando luminosos fíos de aura, como cando nos mergullamos de noite nun fosforescente mar de ardora.

Así, aos poucos, e perseguindo aos labregos e namorados do Chagall máis acróbata e popular, a nosa ollada volveuse máis permisiva e aberta a todo énfase no desequilibrio. Se, por unha banda, os novos materiais construtivos permitiron experimentar con estruturas ao límite da desfeita, pola outra, cos fotógrafos entretidos no chan, os artistas e poetas, esquecendo cargas e imposicións da materia, pescudaron no espazo e a luz, na presenza hierática do signo, na física dos soños, na química do lixo. Mesmo, cando as teimudas leis físicas impedían o desprendemento visual, o obxecto, a figura, fora de contexto, convidábanos a nos adentrar nesoutro baleiro existencial que agarda no interior do cranio, desenvolvendo, ata o absurdo, a vella premisa de Leonardo que sinala á arte como cousa mental. Aos poucos, mesmo ás veces tirando da cadea, polo urinario duchampián foron precipitándose as cosmoloxías máis densas e pesadas, e a levidade puido amosar, entón, a súa fasquía máis rubideira, nihilista e impredicible. Non, non hai canon estético, vital, que resista ese ataque aos cimentos, esa enfermiza procura da anorexia. Canto pesa o seu edificio, preguntáballe o mestre Buckminster Fuller a un novo e desconcertado Norman Foster.

Sospeito que, dentro de nos, latexa unha simetría, avisada, vixiante, que, a xeito de vidro coloreado, determina a nosa ollada, suxerindo expectativas cando falta, e impoñéndose como referencia en toda construción humana. A mesma ciencia é moitas veces acusada de artellar as súas teorías e visións desde prexuízos simétricos e harmónicos. Así, no resultado dun experimento, unha asimetría delataría a existencia dalgún dato esquecido, dun termo que falta. Quizais, unha partícula invisible e aínda descoñecida. Se cadra, ao final de toda pescuda, sentimos a necesidade doutra ecuación, ampliada, que inclúa ese novo termo, complementario, especular, ignorado ata ese preciso intre. Como se, en cada inflexión, o mundo se despregara, dentro de nos, dun xeito natural e inmediato. Seica, en si mesma, toda simetría leva implícita a repetición, a procura de novos equilibrios e referencias, o fío argumental dunha orde humana que, quizais, coincide coa do Universo. 

Se cadra, ese voo cara ao descoñecido, á marxe do seu potencial económico, non remite tanto a un pracer intelectual, como ao feito de superar dilemas e contradicións, vellos ou novos, reais ou inventados. E a realidade agasállanos á cotío con moreas de escusas para satisfacer ese recendo nómade, esa pulsión interminable, ese Sísifo que carrexamos connosco. Non é doado habitar nos remuíños da mudanza inacabable, na inestable fronteira do efémero, se cadra aprendémolo axiña, aínda que recoñecemos a condición poética dese xogo azaroso, mesmo nihilista, desa procura vertixinosa que só devece por completar a figura. Unha figura sempre inconclusa, seica ilusoria, irrealizable. Ou mellor, un sinuoso e impredecible caligrama que se debuxa a si mesmo, un heteroxéneo cadáver exquisito que fixa os seus fitos provisionais no espazo. Pois, se cadra, non podemos botar unha ollada á unha cousa, por moi fermosa que sexa, sen pensar no seu significado, ou mesmo, nunha posibilidade de uso. Non só queremos gozar, senón ser conscientes do noso gozo. Non só sentir ou ver, senón entender os nosos sentimentos, explicar a nosa visión. Nesa mentalidade de límite, de fronteira, uns, vellos e sabios, afirman que o único tanxible e real son as nosas aprehensións, a nosa negociación permanente cos límites do mundo. Outros cren percibir unha dinámica expansiva da conciencia. Claro é que non existen a unha sen a outra. Se cadra, cando se esvaecen as sombras do chan, son os únicos cimentos que adoitamos soportar.