MeRZ 1

Imprimir

Todos procuramos motivos racionais para crer no absurdo (L. Durrell). O experimento realizado por Liev Kulechov, un cineasta soviético, consistía en amosar un primeirísimo plano do actor Ivan Mosjukin, ao que seguía un plano dun neno morto. Na faciana de Mosjukin léese a compaixón. Quítase o plano do neno morto e substitúese por un prato de comida, e no mesmo primeirísimo plano de Mosjukin léese entón o apetito.  Os meus caseiros, Ester e Rafael, mataron o porco un día destes. Ao saír de casa, encontreino pendurado boca abaixo e aberto en canal. Rembrandt, Soutine, Bacon. A estética actual  escamotea a morte, a sangue e a merda. Nunha viaxe a Marrocos, xa fai algúns anos, a intensidade do cheiro bateume na cara. Decatarse das cores polo olfato. Veño de ilustrar un texto de ética para a ESO. Democracia, dereitos humanos, moralidade, cidadanía, e, por suposto, ética. Podo identificarme perfectamente cos seus contidos. Pero, con dezaseis anos, eu non abriría ese ladrillo. A cultura e o coñecemento, así como a curiosidade, a paciencia e o tempo, seguen a ser  un luxo. Fai algún tempo, un concello ourensán propuxo un referendo local para elixir o seu nome. As opcións eran, a)  Puebla de Trives, b) A Pobra de Trives, c) outros. Gañou a opción C. As carencias tecnolóxicas fixeron imprescindible o posar para obter unha fotografía, co obxecto de dar tempo á estabilización da imaxe na película. Pero, desde a popularización da instantánea, o posar resulta artificioso e anacrónico. O que define a unha maioría é a submisión a un modelo. As minorías, por amplas que sexan, carecen de modelo. Son un devir, un proceso (Deleuze). Matar a couza con chinchetas. Despediu á criada ecuatoriana e contratou unha nixeriana. ¡Cómo lucen ahora la cofia y el delantal!. Kitsch, adx. Aplícase a un obxecto ou estilo pretensiosos e de escasa calidade. Paraíso Terreal. Presidencia da Xunta, conselleiros, ministros estatais, embaixadores, cardeais, delegados do goberno central, axencias de publicidade, bispos e arcebispos, asociacións de hoteleiros e comerciantes, curas, alcaldes e concelleiros insisten nos presuntos beneficios económicos, a longo prazo, da visita de Bieito XVI. A arte, nunha estirpe relixiosa produce reliquias; nunha militar, trofeos, e nunha comercial, artigos de comercio. (H. Fuseli) Fai algúns anos, escoitei na televisión a afirmación de que toda idea, toda invención, toda forma, artística ou non, podía resolverse cun lapis e un papel. Unha máquina, unha novela, unha sinfonía musical, un edificio, un avión, unha película… O entrevistado era Martín Scorsese. Hai cousas simples, básicas, que paga a pena repetilas unha e outra vez. Só te escoitarei, beleza, cando esteas sobria.