A man feminina

Imprimir
marta dacosta

Non pretendo realizar un estudo en profundidade sobre a poesía xaponesa. Só colocar algúns espellos para capturar a súa luz afastada e poder iluminar a análise da escrita literaria das autoras, no Xapón, ou aquí. Ou deixar algúns vimbios cos que, quen quixer, poida compor unha cesta que nos acolla.

Recentemente volvín á poesía xaponesa. E foi a través da lectura das antoloxías de Carlos Rubio e Luísa Freire que me situei de novo diante do feito da creación literaria realizada polas mulleres.

O anonimato na poesía medieval xaponesa
Nas compilacións de poesía xaponesas realizadas durante a Idade Media, algunhas xa no ano 750, atopamos un número importante de textos anónimos ao lado doutros textos que si recollen o nome dos seus autores. Ese anonimato pode ser intencionado e estar a ocultar que estamos ante poemas que non foron escritos por homes nobres. Así o sinala Carlos Rubio(1) na súa edición do Kokinshuu. Tamén Luísa Freire na Introdução á antoloxía O Japão no feminino II recolle: "Nas mais antigas antologias japonesas raramente está registada qualquer obra feminina ou, quando aparece, é omitido o nome da autora aparecendo como única identificação o do marido." (2)

A man feminina
Á altura do século IX a cultura xaponesa expresábase en chinés, motivos políticos, sociais e culturais explican esta circunstancia. Neste contexto, a formación académica das elites era en lingua chinesa e a ela só tiñan acceso os homes. As mulleres, apartadas da formación oficial, desenvolven unha caligrafía silábica, kana, tamén denominada onna de (man feminina), que acabaría por ser o soporte dunha estrofa poética cunha forte connotación identitaria, por se tratar dunha poesía escrita en lingua xaponesa, fronte ao canon clásico entón: o chinés.

É así como o waka, xénero poético propiamente xaponés e no que o son é fundamental, acaba triunfando no século X. Unha das estrofas que acada máis éxitos é o tanka, poemas de cinco versos e trinta e unha sílabas. Son precisamente as mulleres as que dan vida a este tipo de estrofa. Segundo recolle Luísa Freire: "As mulheres ... ficaram confinadas à forma tradicional e respeitada do tanka. .. havia também uma razão social e cultural ... a escrita do tanka era individual e solitária..."(3)

Os materiais poéticos
Cando falamos de autoras e cando tentamos sistematizar se existen ou non trazos que singularicen a produción literaria das mulleres, reparamos nos materiais empregados. Porque as autoras renovan o mundo da creación literaria achegando aos textos materiais que até entón non tiveran a condición de poéticos.

Luísa Freire sinala como trazos que caracterizan os haikus femininos: un maior lirismo ou evidencia do emotivo, o erotismo cada vez máis desinhibido até se desprender dos tabús na poesía posterior á Segunda Guerra Mundial, a expresión da atmosfera familiar e as tarefas domésticas. Estes materiais predominan na escrita das autoras do século XX, mais algúns séculos antes atopamos exemplos destes trazos, así nos seguintes haikus que podemos ler na antoloxía O Japão no feminino II:

Sopa de ano novo-
já preparo o atum seco
num milhar de aparas.

Den Sutejo, 1633-1698

Rouxinol no bosque-
minhas mãos no lava-loiça
param por instantes.

Kawai Chigetzu, 1634?-1718

Primeira roupa de Verão –
uma mulher que não tece
sente-se culpada.

Shiba Sonome, 1664-1726

Só tres exemplos de poemas escritos no século XVII, trescentos anos antes de que nós, as mulleres de hoxe, colocáramos o mundo doméstico nos nosos poemas.

Ono no Komachi
Ler estas compilacións de poesía produciume unha certa envexa, por exemplo ao descubrir algunha voz feminina que sobresaen xa no século IX. É o caso de Ono no Komachi, unha autora pertencente á nobreza, cunha intensa vida que foi recollida en varias pezas do teatro Noh. Janick Belleau(4) sinala que a súa escrita é melancólica, mais tinxida dun erotismo sutil. Talvez como este poema, reinterpretado a través das traducións recollidas do español, francés e inglés:

Tanto me torturan
as crueldades do desexo
na noite de acibeche
que agardo coa roupa
por fóra tendida

O seu contemporáneo Ki no Tsuraiuki, compilador do Kokinshuu no ano 905 e autor do prólogo, compáraa cunha das mulleres dun emperador do século V, tamén poeta, a princesa Sotoori e fala da debilidade da súa poesía afirmando "non é a debilidade algo natural na poesía dunha muller?" (5) Evidentemente, non se trata dunha análise sisuda. Como conclúe Luísa Freire na súa Introdução: "ainda é cedo para afirmar que uma certa atitude patriarcal e preconceituosa tenha desaparecido completamente do cenário literário", ela engade "do Japão actual", mais talvez esa concreción sexa innecesaria.

Como di o poema de Tsuda Kiioko (1920),

Sem saber a altura
da montanha, uma formiga
sobe ao meu joelho.

Marta Dacosta

(1) Carlos Rubio (ed.), Kokinshuu, colección de poemas japoneses, antiguos y modernos, 2005, Hiperión, Madrid

(2) Luísa Freire (ed.), O Japão no feminino II, Haiku séculos XVII a XX, 2007, Assírio e Alvim, Lisboa, páx. 7.

(3)Luísa Freire, 2007, páx. 9.

(4) Janick Belleau, Breves littéraires, nº 76, 2007, http://id.erudit.org/iderudit/5379ac

(5)  Carlos Rubio, 2005, páx. 100.