Venres, 19 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Desde a Paraguda 110 anos de A xungla

110 anos de A xungla

Correo-e Imprimir PDF
marta dacosta

 “… a imaxe da xungla, un mundo en que só contaba a forza bruta e que se rexía conforme a unha orde creada polos que retiñan esa forza co fin de someter os que non a posuían.”

O vindeiro mes de febreiro cumpriranse cento dez anos do inicio da publicación de A xungla, do escritor estadounidense Upton Sinclair. A xungla é unha novela que se publicou por entregas ao longo do ano 1905 no xornal socialista Appel to reason. A súa lectura tívome ocupada, e marabillada, nestas últimas semanas.

Souben dela por casualidade, escoitando un programa de cultura mentres viaxaba fóra do país. A recensión que alguén fixo a través das ondas provocou a miña curiosidade e tempo despois tiven o libro entre mans, unha edición con presentación do escritor e investigador César de Vicente quen explica que esta obra é o resultado do encargo do editor de Appel to reason e que é a primeira novela do denominado realismo socialista.

Upton Sinclair realiza un relato pormenorizado da situación da clase traballadora na cidade de Chicago, metonimia do funcionamento do sistema capitalista: un mundo en que os máis humildes, traballadores moitos deles inmigrantes, fican condenados a unha vida de miseria da que a penas conseguen saír cando morren. Sinclair crea unha ficción e unha personaxe protagonista, o lituano Jurgis Rudkus, coa que viaxa ao longo dos distintos sectores produtivos da cidade e tamén aos escuros espazos dos desempregados: vagabundos, esmoleiros, delincuentes … e deste xeito retrata fielmente o Chicago de 1905, sen deixar atrás referencias concretos a feitos reais como as folgas no transporte ou nos matadoiros, ou os mitins socialistas previos ás eleccións de 1905 (en que Roosevelt revalidaría a presidencia). A través da vida de Jurgis, Sinclair analiza a precariedade laboral dos obreiros non especializados, a explotación a que os somete o sistema capitalista impoñendo unhas condicións laborais e salariais que se aproximan do escravismo, e explotando de novo aos traballadores de maneira indirecta mediante o control do comercio da alimentación, dos alugueiros, de todas as necesidades básicas que teñen case a condición de luxo para a clase obreira.

O certo é que a novela de Sinclair é dunha extremada dureza, especialmente cando retrata o funcionamento dos matadoiros de gando, algo que chegou provocar a apertura dunha investigación e a posterior modificación da lei, mediante a promulgación da Lei de Inspección da carne e a Lei de Pureza dos alimentos e as Drogas, asinadas por Roosevelt o 30 de xuño de 1906. Porque Sinclair, a través da palabra literaria difundida por un medio de comunicación que buscaba axitar as conciencias, deixou constancia de que os conceptos seguridade e hixine non tiñan lugar naquel inferno produtivo. E así lemos: “Con este material se fabricaba a chamada “carne embalsamada”, que ocasionou máis vítimas entre os soldados americanos durante a guerra de Cuba cás balas dos españois”. Mais tan horrendas como as descrición do traballo nos matadoiros, eran os relatos da vida das traballadoras e os traballadores e iso non provocou cambio ningún. Como di César de Vicente na Presentación: “o conflito central da Xungla, a loita contra as condicións dos sistema capitalista, quedou intacto”.

Mentres lía a novela, fun reparando nas personaxes femininas, mulleres dobremente escravizadas. Se a novela retrata a explotación laboral de mulleres e homes, no caso das mulleres ten que referirse á explotación sexual intimamente ligada á primeira. Mulleres que para manter o seu traballo e o da súa familia teñen que permitir os abusos dos capataces, mulleres que só conseguen sobrevivir prostituíndose. A situación era tan extrema que o narrador escribe: “Nin mulleres nin nenos tiñan cabida naquel mundo; canto antes o abandonaran, mellor para eles.”

Sinclair relata os padecementos destas mulleres incorporadas a un traballo insalubre poucos días despois de parir ou parindo nas peores condicións e sen axuda médica (todo un luxo que quen podía pagar) até morrer mesmo; fala da trata de mulleres levadas enganadas ao país en que se realizan os soños e acababan en prostíbulos despois de ser violadas e drogadas até convertelas en adictas … putas que cando conseguían un pouco de diñeiro enseguida lles desaparecía, “Mais entón aparecían os cargos en concepto de hospedaxe e comida… e a que prezos; non o crerías!... Hai que aceptalo ou marchar, sen máis alternativa. E onde quer que fose as cousas serían iguais”.

Estas mulleres que aparecen na novela son as mesmas obreiras que tomando conciencia da súa situación acaban por provocar mobilizacións que hoxe lembramos cada 8 de marzo baixo a forma dunha mítica folga das traballadoras téxtiles queimadas polo empresario dentro da fábrica. Hoxe sabemos que non foi exactamente así. Que realmente foron moitas as folgas e as reclamacións, que o activismo de socialistas e comunistas foi decisivo na toma de conciencia, que foi decisiva a mobilización das rusas contra a guerra e a proposta de Clara Zetkin. Elas dobremente explotadas, dobremente alienadas, tiveron que romper aínda máis barreiras porque se enfrontaban á morte, real ou metafórica. “Falo pola moza que nestes momentos percorre algunha rúa desta horrenda cidade e, abatida, languidecendo de inanición trata de optar entre o bordel e as augas do lago.” di un orador socialista ante un auditorio de traballadoras e traballadores, provocando as súas conciencias.

Ao final da novela, aparece unha personaxe, o sueco Nicholas Schliemann, de quen se sirve o autor para recoller algunhas ideas que aínda hoxe nos deben facer reflexionar, ideas como estas: “Que se trataba do matrimonio? Este e a prostitución, eran as dúas caras dunha mesma moeda: unha explotación que ese depredador que é o home fai do pracer sexual.”; ou estas: “Despois da revolución, a muller sería libre e non precisaría venderse para vivir.” Ou aínda: “A maior barreira que se opoñía á civilización era o modelo de fogar e a primeira tarefa que tiña que acometer a intelixencia moderna era a emancipación da muller.” Pois iso!

Mais o caso é que, cento dez anos despois, moitas das páxinas da Xungla ben poderían describir as situacións de hoxe. Cando leo: “A min esas ideas non me interesan. Eu son un individualista!” non podo deixar de lembrar a todos os que se negan a unha realidade mellor porque eles non se meten en política, esas cousas non lles interesa, só se ocupan do seu. Son individualistas! “Pesar que había xente que non quere abrirse á experiencia de vivir libres e iguais” e hai, aínda hai.

César de Lorenzo clasifica a novela como realismo socialista, xunto con outras obras como A nai de Gorki (1907), que logo pasaría ser a gran novela deste movemento. Nas súas palabras “a novela debuxa o espazo da toma de consciencia da personaxe (elemento estrutral esencial nas novelas do realismo socialista) que substitúe o relato de formación da novela burguesa tan estendida na época.” E sinala tamén que a novela pretende alterar “o campo literario introducindo un discurso sobre a xustiza social: sobre a igualdade na distribución dos recursos e oportunidades, sobre participación igualitaria no poder.

A xungla é unha novela escrita desde o proletariado e para o proletariado, co proletariado como protagonista e que traslada unha mensaxe de que a sociedade é transformábel. Aínda é transformábel.

Nota: todas as citas están extraídas da edición publicada por Capitán Swing en 2012, na colección Polifonías, en tradución para o español de Antonio Samons, revisado por Jorge Cano e con presentación de César de Vicente.

Marta Dacosta, xaneiro 2015.