Feiras en lata

Imprimir
Marta Dacosta

Proliferan hoxe no noso país as feiras medievais. Tanto que mesmo chegan celebrarse en concellos que naquela altura non existían como tales, nin é a Idade Media a súa época máis representativa. Sucede porque existen hoxe empresas que fixeron das “festas medievais” un negocio, negocio que tal vez sería mellor chamar “feiras de artesanía internacional ao modo medieval”.

Non sei se estas feiras proliferaron no noso país para emular o éxito da Festa da Istoria en Ribadavia, da Arribada en Baiona ou a Feira Franca en Pontevedra, mais desde o meu punto de vista nada teñen que ver con elas pois carecen do fundamento ou intención histórica que as mencionadas ostentan.

Non lle negarei eu a ninguén o dereito a facer negocio, a acometer unha empresa que se fundamenta nunha estrutura de intermediarios que venden a un concello unha actividade que xestionan ofrecendo a unha relación de “feirantes” a oportunidade de colocar os seus produtos en diferentes localidades.

Mais tampouco vou calar a miña estupefacción perante unha feira que se presenta como medieval e logo é un conxunto de postos de puntos xeográficos afastados como Baleares, Aragón ou Castela, onde practicamente nada leo en galego, nin os produtos que me ofrecen o son. Porque coma min, moitas persoas agardan dunha “Feira medieval” unha intención histórica, unha recreación do pasado, que con este formato non existe de ningunha maneira. A única verosimilitude histórica que podemos atopar nestes mercadillos, que é o que son, é a colonización de Galiza na Baixa Idade Media a través da substitución de galeg@s nas clases e oficios vinculados ao poder por xentes de fóra, acompañados da imposición da lingua española, e creo que ninguén pretendía precisamente isto. O caso é que ao final dá igual onde vaias, porque en Vilanova de Cerveira, Avilés ou nun concello galego atopas @s mesm@s artesáns, vendendo os mesmos produtos que, aínda máis, ás veces non teñen fundamento medieval, nin rabo de gaitas (pizzas?, cóctel de ananás?, coca-cola envolta en papel de estraza?).

Outra dose de “pan e circo”. Certos gobernantes improvisan unha festa ou feira medieval no seu concello para crear ambiente, encher as rúas de xente no verán que remata e colocar outra medalla invisíbel da que agardan obter réditos electorais. E eu digo que o circo nos gusta a todas e a todos, sobre todo o circo de calidade. Así que, contando como moitos concellos contan con persoas de prestixio no ámbito histórico que poderían asesorar sobre a realización dunha festa en condicións, elixindo o momento histórico de maior interese na localidade, esa debería ser a opción, procurando despois contar c@s artesáns, comerciantes, artistas (músicos, escritoras, actores...) propi@s. E isto non impede que se conte tamén con empresas que a isto se dedican, mais, cando menos, dá sentido e singulariza a celebración facendo que sexa propia do lugar no que se realiza, e non unha copia dun formato estándar.

Mais iso require esforzo, criterio e intención de contribución cultural, ingredientes que algúns gobernantes non teñen.