Martes, 15 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Curuto do corvo O home das chinelas vermellas

O home das chinelas vermellas

Correo-e Imprimir PDF
Os zapatos do Papa

Baixou do ceo envolto en seda e púrpura coas súa chinelas vermellas. Asistiu a un dispendio económico e a un fracaso de público. Deitou palabras terribles sobre o laicismo agresivo e retrotraeuse a tempos de traxedia. Seica dixo, desculpaban algúns, esas verbas féridas nunha conversa informal cos xornalistas. Aínda peor, ben sabemos que cando se bota a lingua a pacer brotan os pensamentos do fondo da alma. Os lapsus linguae dos que falaba Freud.

Uns días antes do seu celestial advento falabamos en Gondomar, no marco das “Xornadas sobre a represión no primeiro franquismo” , do moito que aínda faltaba para converter a memoria daqueles tempos en simple historia. Nas conclusións elaboradas por preto de dúas ducias de persoas estudosas do tema na provincia de Pontevedra expresábase que mentres non se puidese falar de vítimas, de verdugos e salvadores, con sosego, non estariamos no ámbito, ausente de emocións, dos aburridos estudos historiográficos. Ao mellor é que a historia é sempre contemporánea, como diría Gramsci, e o bispo de Roma achegouse ata nós simplemente para lembrárnolo.

Quizais o vello coqueto calzado de Prada lera dous días antes da súa visita a Compostela o Semanario Católico de Información “Alfa y Omega”, suplemento, nada máis e nada menos, que do influínte ABC. O anexo colorido abría ese día cunha foto a toda plana do Val dos Caídos e debaixo a lenda “Dales, Señor el descanso eterno”, a continuación unha nova anunciaba que o seis de novembro, o mesmo día da xeira compostelá do líder da autocracia católica, era a xornada de celebración da festa dos mártires católicos españois do século XX, todos eles vítimas da persecución relixiosa dos anos trinta.

A teima de Bieito XVI viña de longo. En outubro de 2007 beatificara, dunha atacada, a 498 mártires que deron a vida por Cristo durante a persecución relixiosa dos anos trinta do século XX en España. O rito relixioso tivera unha dupla excepcionalidade, por unha banda o carácter masivo e por outra que se celebrase en Roma e non nas dioceses relacionadas coas persoas homenaxeadas. Con aquela ampla listaxe elevábase a 966 o número de relixiosos e relixiosas beatificados por sufriren persecución e morte, fundamentalmente, nos derradeiros meses de 1936. A estes habería que engadirlles as outras once persoas que foran elevadas aos altares da santidade con anterioridade. Para Bieito XVI e para a xerarquía católica o que sucedeu en España entre 1936 e 1939 foi unha persecución relixiosa contra os católicos.

Dos 498 mártires, beatificados en 2007, só sete eran laicos e dezasete naturais da actual Galicia administrativa , aos que se poderían engadir algúns dos 26 nacidos na diocese de Astorga. Dese medio milleiro de novos beatos, sete eran da diocese ourensá, outros tantos da de Santiago e un das de Mondoñedo, Lugo e Tui, respectivamente. Todos foron asasinados en 1936, agás Manuel Gómez González, natural de Ribarteme, que morreu no Brasil en 1923. Ningún foi asasinado en Galicia. Todos residían fóra. No noso país só se masacrou aos dun bando e entre eles moitos católicos fervorosos que non figuran nas profusas listaxes desta homenaxe papal nin nas anteriores. Tamén discriminan entre os crentes.

Non parece moi ecuánime a actitude de Bieito XVI, nin na homenaxe de 2007 nin nas rancorosas palabras pronunciadas na súa visita á cidade do noso Apóstolo, ao vello de longas barbas, caxato e vieira. Ao mellor o Apóstolo que coñece Bieito XVI é o que sobre un cabalo branco tronza cabezas de mouros.